Ir o contido principal

O outono entra na tarde do luns

No serán do vindeiro luns 22, exactamente ás 17 horas 44 minutos, o Sol pasará polo punto Libra ou Equinoccio de setembro, instante no que comezará o outono no hemisferio boreal e, polo tanto, a Primavera no hemisferio austral, segundo explica o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo.
O solpor vaise producir ese día polo Oeste, mentres que ao amencer o Sol sairá polo punto leste do horizonte, sendo así a duración do día semellante á da noite, como acontece no Equinoccio de marzo. A partir de aí as noites serán cada vez máis longas chegando aproximadamente, na nosa latitude, ás 15 horas en torno ao 21 de decembro, cando ás 13:04 horas comezará o inverno. Así pois, a duración da estación que agora comeza será de 89,85 días; a terceira do ano despois do verán (93,66 días) e a primavera (92,76).
O director do Observatorio adianta ademais que a data na que os reloxos deberán trocar ao horario de inverno será o domingo, 26 de outubro.
Fenómenos astronómicosEntre os fenómenos astronómicos máis sobranceiros nesta época do ano figuran varias choivas de estrelas como as Dracónidas (máximo día o 9 de outubro), as Oriónidas (21 outubro), as Tauridas (4 novembro) e as Leónidas (17 de novembro).
Durante toda a estación, Venus verase no crepúsculo vespertino (con máximo brillo cara a finais de ano) ao igual que Xúpiter, en tanto que Saturno poderá ser contemplado antes da saída do Sol cara ao Leste. Entre mediados de outubro e novembro Mercurio estará tamén no crepúsculo matutino con máxima separación angular do Sol o 22 de outubro.
Docobo sinala ademais algunhas conxuncións interesantes, como a de Xúpiter coa Lúa os días 7 de outubro e 3 de novembro; Xúpiter, Venus e a Lúa o 1 de decembro; e Saturno e a Lúa os días 25 outubro, 21 novembro e 19 decembro. Por outra banda, o outono é unha “boa época” para tentar ollar a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica. “Pódese observar –advirte- pasando polas constelacións do Cisne, Cefeo, Casiopea, Perseo e Auriga”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2008.