Ir o contido principal

Pablo Menéndez ofrece este martes 5 un concerto de guitarra na Casa do Saber no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

Pablo Menéndez, guitarrista
Pablo Menéndez, guitarrista
O guitarrista asturiano interpretará pezas de Bach, Pujol, Schubert, Sor e Joaquín Rodrigo nun concerto que comezará ás 20.00 horas. A entrada é libre e de balde

O asturiano Pablo Menéndez (Cangas de Narcea, 1992) ofrecerá este martes, día 5 de maio, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto de guitarra clásica durante o que interpretará composicións d Johann Sebastian Bach, Emilio Pujol, Franz Schubert, Fernando Sor e Joaquín Rodrigo. A entrada ao concerto é libre e de balde ata completar aforo.

O concerto de guitarra clásica a cargo de Pablo Menéndez, o penúltimo do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ 2015, está organizado en colaboración coa Asociación de Intérpretes e Executantes (AIE) no marco do convenio Lugo Cultural, financiado pola USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo. Este novo intérprete asturiano completa na actualidade un máster en interpretación musical no Conservatorio Maastricht (Países Baixos) co afamado guitarrista Carlos Marchione. A pesar da súa xuventude, Menéndez conta xa cun amplo currículo musical. De feito, este artista foi galardoado en diversos concursos nacionais e internacionais, como o IV Certame de Guitarra Valle de Egües, os Premios Honoríficos David Russell para novos talentos, o IV Concurso Hispano-Luso de Fafe (Portugal), o II Concurso Juan Crisóstomo de Arriaga ou, entre outros, o concurso Vila de Zarautz. Como solista, Pablo Menéndez actuou coa Orquestra Sinfónica do Conservatorio de Xixón e ten ofrecido recitais por toda a xeografía española. Asemade, tamén gravou para a CRTVG un DVD con música de Fernando Sor. Ademais, como músico de cámara, Menéndez formou parte de diversas agrupacións e tamén traballou a faceta de músico orquestral formando parte da Joven Orquestra Nacional de España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2015.