Ir o contido principal

O padroado da Fundación CEER avanza no deseño de novos programas e proxectos transfronterizos entre as universidades participantes

A Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) reuniuse na Reitorado de Vigo coa intención de avanzar no deseño de novos programas e proxectos transfronterizos entre as universidades de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e as do Porto, a UTAD e a do Minho.
Na xuntanza participaron o reitor da USC e presidente da FCEER, Senén Barro; o reitor de Vigo, Alberto Gago; o pró-reitor da Universidade do Porto, Manuel Janeira; a vicerreitora de organización académica e titulacións da Universidade da Coruña, Ana Dorotea; o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, José Ramón Leis; e o vice-reitor da Universidade do Minho, Leandro Almeida. Así mesmo, estiveron presentes o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás; o secretario xeral do CEER, Miguel Sopas de Melo; e o presidente do Consello de dirección, Jose Manuel García.
Neste importante encontro debatéronse varios proxectos futuros que levarán á consolidación da Eurorrrexión do Coñecemento conformada por 140.000 estudantes e 12.000 profesores e investigadores das 6 universidades publicas. Para iso a fundación CEER traballa en levar adiante o Erasmus Eurorrexional, programa que buscará a mellora na mobilidade estudantil entre o Norte de Portugal e Galicia.
En palabras do director da FCEER, Carlos Ferrás, “o camiño cara ao estimulo da Eurorrexión do Coñecemento pasa pola mobilidade, algo que se está acadando entre profesionais, polo que debemos traballar para que isto ocorra entre os alumnos”. Así mesmo, declarou que un dos obxectivos da Fundación CEER son as TIC e nesta liña mostrouse moi satisfeito de que a web do FCEER sexa a plataforma dixital con temática eurorrexional máis vista en Galicia e no Norte de Portugal, “o que quere dicir, explicou, que existe unha necesidade e que o CEER está ofertando un produto que a comunidade universitaria demanda”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2009.