Ir o contido principal

O Padroado da Fundación CEER deu na súa última xuntanza un impulso definitivo ás relacións interuniversitarias entre Galicia e o Norte de Portugal

Na inauuración do curso ‘Integración e desenvolvemento eurorrexional’ participaron, de esquerda a dereita, o profesor Carlos Ferrás; o reitor Senén Barro; o vicerreitor da Universidade do Minho,...
Na inauuración do curso ‘Integración e desenvolvemento eurorrexional’ participaron, de esquerda a dereita, o profesor Carlos Ferrás; o reitor Senén Barro; o vicerreitor da Universidade do Minho,...

O papel do Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) no fortalecemento das relacións universitarias transfronteirizas e as perspectivas da creación dun espazo universitario de cooperación común no noroeste peninsular foron algúns dos temas da reunión do Padroado da Fundación que se celebrou a pasada semana en Braga.
A xuntanza, que tivo lugar na Reitoría da Universidade do Minho, contou coa asistencia do presidente da Fundación e reitor da USC, Senén Barro; os seus homólogos das Universidades de Porto, Vigo e A Coruña, Marques dos Santos, Alberto Gago e José Mª Barja, respectivamente; o director xeral de Promoción Científica da Xunta de Galicia, Rogelio Conde; o vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Eduardo Rosa; os vicerreitores da Universidade do Minho Manuel Mota e Leandro da Silva; o alcalde de Guimaraes na súa condición de vicepresidente do Eixo Atlántico; o secretario xeral deste mesmo; e o director e secretario xeral da Fundación CEER, Carlos Ferrás e Miguel Bandeira, respectivamente.
Co obxecto de afondar na conformación dunha grande Eurorrexión do Coñecemento entre Galicia e o Norte de Portugal, na xuntanza presentouse o novo web da fundación como un instrumento de comunicación común que permitirá xestionar servizos telématicos avanzados dirixidos a unha comunidade universitaria conformada por 160.000 estudantes e 10.000 profesores. A páxina ofrece un sistema de xestión da información e do coñecemento a partir dun xornal e axenda electrónica especializada no eido universitario; un centro de documentación; a revista científica Estudios Eurorrexionais; un avanzado sistema de formación on line; o Museo Universitario Virtual con acceso universal ao acerbo académico científico universitario sobre historia natural e patrimonio cultural das seis universidades públicas galegas e do norte de portugués; ou unha potente base de datos especializada na localización e potenciación dos grupos de investigación interuniversitarios, entre outras posibilidades.
Integración e desenvolvemento eurorrexionalNa mesma xornada inaugurouse na Universidade do Minho o curso ‘Integración e desenvolvemento eurorrexional’ que, promovido pola Fundación CEER, se desenvolve coordinadamente nas seis universidades públicas da eurorrexión cun total de 120 estudantes matriculados e máis de cen profesores de ambos os dous lados da fronteira. A sesión de apertura contou coa participación de alumnos e profesores das universidades integrantes da Fundación CEER -Minho, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro, Santiago, Vigo e A Coruña- que se desprazaron ata o campus de Gualtar, na cidade de Braga, para participar no que foi unha xornada de mutuo coñecemento académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2007.