O Padroado da Fundación Rof Codina reúnese este venres en Lugo
O Padroado da Fundación Rof Codina celebra este venres 12 ás 12:00 horas na Biblioteca do Hospital Clínico Veterinario Rof Codina a súa vixésimo novena reunión, á que asistirá o secretario xeral da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, José Luis Vázquez, representando ao conselleiro Jesús Vázquez Abad na súa calidade de presidente da Fundación, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
Na xuntanza informarase aos membros do padroado do volume de actividade rexistrada no hospital veterinario así como da actividade formativa desenvolta no centro nos cursos de posgrao, que posibilitaron xa a máis dun cento de veterinarios pasar por estas instalacións para realizar cursos e períodos formativos para unha mellor integración no mundo laboral.
Outro dos puntos a tratar na reunión é a liquidación do orzamento de 2009 e a ratificación do correspondente a 2010, que mantén os niveis de anos anteriores para facer posible o mantemento da actividade docente, asistencial e de investigación, obxectivos irrenunciables do hospital.
Ademais, presentarase un novo acordo marco de colaboración coa USC, outro acordo co Organismo Autónomo Municipal Vigo Zoo e un convenio co Club Hípico Proxecto Home, o que revela o compromiso da Fundación coas actividades sociais e uns altos niveis de responsabilidade corporativa.
No plan de acción para 2010, a Fundación Rof Codina propón tamén a adquisición do material necesario para por en marcha novas técnicas asistenciais e mellorar a atención prestada aos albergues das protectoras de animais en Galicia.