Paisaxe e comunicación no Camiño de Santiago, curso de verán este xullo en Sarria
Co título‘Camiño de Santiago: paisaxe e comunicación’ dará comezo o 27 de xullo en Sarria un novo curso de verán da USC, dirixido por Luis Celeiro Álvarez coa colaboración de Renfe e o Concello da vila. Con este curso preténdese dar a coñecer a ruta xacobea en Galicia, como un espazo de comunicación e cultura e como un elemento definitorio da paisaxe.
O obxectivo desta acción formativa é descubrir o patrimonio arquitectónico e artístico do Camiño de Santiago, como elementos que configuran a súa contorna, fomentar o respecto á natureza e ao desenvolvemento sostible, considerando o coidado do medio ambiente como un valor prezado. O curso permitirá ademais divulgar as características da ruta xacobea como Patrimonio da Humanidade.
O programa, de 32 horas lectivas, desenvolverase en cinco días, ata o 31 de xullo, e combinará os relatorios coas mesas redondas, onde está prevista a participación de numerosos xornalistas, historiadores e especialistas no Camiño de Santiago, e outro tipo de actividades entre as que figuran visitas ao Mosteiro de Samos ou ao Hospital do Incio.
A taxa xeral de matrícula para este curso é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 17 de xullo), xa está aberto.