Ir o contido principal

A paisaxe na historia e a arte e o patrimonio na Mariña lucense centran dous cursos de verán da USC en Guitiriz e Ribadeo

Os vicerreitores Pablo Ramil e Pedro García Herradón inaugurarán este mércores os dous seminarios estivais, nos que están matriculados máis de setenta persoas

A paisaxe na historia e a arte e o patrimonio na mariña luguesa centran os eixes temáticos de dous novos cursos de verán da Universidade de Santiago de Compostela que comezarán a desenvolverse o mércores 17 de xullo na Casa Habanera, en Guitiriz, e no ribadense Cine Teatro.

O vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil Rego, e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurarán mañá, a partir das 9.30 horas, cadanseu seminario da Universidade de Verán 2013, dous programas de formación e divulgación nos que formalizaron a súa inscrición máis de 70 persoas. O catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Antonio Martínez Cortizas, abrirá a quenda de relatorios do curso organizado en Guitiriz cunha achega á historia ecolóxica da paisaxe. A arqueoloxía rural, os xardíns pacegos, a paisaxe e a sociedade na Galicia antiga e altomedieval, a xestión do monte ou evolución dos usos do solo serán outros dos asuntos abordados ao longo deste curso de verán da USC, un programa dirixido polo profesor Roxelio Pérez Moreira que se prolongará ata o venres 19 de xullo e cuxo relatorio de clausura ‘As novas paisaxes: as pegadas do progreso’, correrá a cargo do catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Francisco Díaz-Fierros. O curso ‘Arte e patrimonio na Mariña lucense: os camiños e o camiño da arte’, dirixido por Ana Goy Diz e Antonio Garrido Moreno, converterá o Cine Teatro de Ribadeo, do 17 ao 19 de xullo , nun foro de debate de análise sobre o patrimonio cultural da comarca mariñá, tanto daqueles elementos relacionados co Camiño Norte como do resto de elementos patrimoniais presentes.

Un relatorio sobre o taller de Diego Ibáñez Pacheco e a súa influencia na Mariña luguesa, a cargo da profesora da USC e directora do curso, Ana Goy Diz, abrirá o mércores, ás 10.00 horas, a quenda de charlas programas ao abeiro deste seminario estival, que contará coa participación de 15 relatores e inclúe un roteiro por un treito do Camiño Norte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2013.