Ir o contido principal

A paisaxe na poesía de Manuel María centra este mércores un relatorio de Roxelio Pérez Moreira na Casa do Saber

Cartaz do relatorio
Cartaz do relatorio

A paisaxe na obra poética de Manuel María centra a temática do relatorio que ofrecerá este mércores, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, Roxelio Pérez Moreira, profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.

A intervención de Pérez Moreira desenvolverase no marco dunha sesión aberta á participación de todo o público interesado e de carácter gratuíto e serve de apertura do ciclo de charlas promovido pola Asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, un programa que terá continuidade ao longo do presente curso académico. A temática escollida para este relatorio permitirá afondar e analizar a relación vital que de sempre mantivo o cantor da Terra Chá coa paisaxe e tamén a incidencia deste feito na súa obra escrita. “Manuel María, ao longo da súa vida, habitou paisaxes sereas e plácidas, pero hai unha constante nas paisaxes da súa vida, xa que en todas elas domina a horizontalidade: nas da súa Terra Chá natal, nas da planicie de Monforte, e nas da beiramar da Coruña, coa chaira mariña como derradeiro horizonte”, sinala Pérez Moreira, quen tamén explicará no seu relatorio as etapas e estados anímicos diferentes que denota o paisaxismo na poética de Manuel María.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2016.