Ir o contido principal

O papel das mulleres nas dinámicas de substitución ou mantemento da lingua será a temática inaugural da segunda edición do ciclo ‘Achegándonos ao Medio Rural’

As ‘Xornadas sobre Lingua Muller e Dinámica Social’ programadas polas Comisións de Normalización Lingüística (CNL) das facultades de Humanidades, Veterinaria e de Formación do Profesorado e da Escola Politécnica Superior de Lugo inícianse este mércores 16 de marzo cunha conferencia inaugural sobre o papel das mulleres nas dinámicas de substitución ou de mantemento da lingua. Esta actividade de apertura correrá a cargo de Goretti Sanmartín Rei, da Universidade da Coruña. O acto de apertura deste ciclo terá lugar no sala de actos da Casa do Saber, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo a partir das 19:00 horas. Nel estarán presentes o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e a concelleira de Lugo Carmen Basadre. A conferencia desenvolverase inmediatamente despois deste acto de apertura.

Esta iniciativa xurde tendo en conta a orientación formativa do Campus de Lugo en relación ao Medio Rural, e terá como eixo central o trinomio lingua, muller e medio rural. A actividade organízanse como continuación das primeiras xornadas ‘Achegándonos ao Medio Rural’ que levaran a cabo por vez primeira vez dende a Comisión da Facultade de Veterinaria. Polo tanto, trátase dunha segunda edición enfocada desta volta ás mulleres e á lingua dentro do ámbito do rural. A actividade terá lugar os días 16, 23 e 30 de marzo e o 6 e o 14 de abril en diferentes emprazamentos universitarios de Lugo e distribuirase arredor de catro mesas redondas e unha conferencia marco en diferentes días. Cada un dos debates fixarase arredor de experiencias de mulleres que apostaron polo rural en relación aos centros e á difusión dos usos lingüísticos.

Entre as finalidades que perseguen dende as CNL do Campus de Lugo con estas xornadas está o obxectivo de dar a coñecer o papel das mulleres na transmisión dos recursos lingüísticos en función do contexto galego. Por outra banda, preténdese pór de manifesto a permeabilidade das dinámicas entre rural-urbano e local-global dende o punto de vista da función social das mulleres, así como difundir experiencias profesionais de mulleres que teñen como base o uso da lingua galega, e achegar a realidade das mulleres do rural á comunidade universitaria e ao público en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2011.