O patrimonio artístico do compositor vigués Enrique X. Macías é cedido pola familia á USC
A familia do compositor vigués Enrique Xerardo Macías Alonso (Vigo, 1958-1995) cédelle temporalmente o seu patrimonio artístico á Universidade de Santiago de Compostela mediante a modalidade de contrato comodato, reafirmando o seu compromiso coa educación e cultura. Grazas á mediación de Roberto Oliveira e o Grupo de investigación Organistrum, os fondos documentais -partituras, cartas, cintas magnetofónicas e mesmo obxectos persoais- estarán á disposición do estudantado e do persoal investigador na USC.
No evento de presentación, celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, exhibíronse algúns dos elementos máis destacados da colección. Presidido pola secretaria xeral da Universidade, Dulce María García Mella, no acto participaron o irmán do compositor, Javier Macías Alonso; a coordinadora do Grupo Organistrum da USC, a profesora Montserrat Capelán; a directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal Reyes, e o investigador Roberto Oliveira-Ogando. O acto, co que se honrou a memoria do compositor, pechouse coa reprodución da obra acusmática ‘Lied für María’ (1982) en dispositivo analóxico, cunha das cintas magnetofónicas orixinais do compositor.
De estética post-serialista, Enrique Macías foi o primeiro autor galego en compoñer música con medios electrónicos, ampliando novos parámetros á súa linguaxe compositiva e converténdose nun investigador sonoro sen precedentes. Segundo explicou a coordinadora do Grupo Organistrum, Montserrat Capelán, a elección de non recibir formación musical académica levou o compositor a realizar unha aprendizaxe guiada pola procura de experiencia e coñecemento mediante o estreito contacto con compositores, intérpretes e estudos de música electrónica, máis que na procura de coñecemento nunha institución.
O nivel do seu traballo, segundo indicou Capelán, pode apreciarse no feito de que as súas obras foron gravadas para as mais importantes radios europeas (RNE, RAI, Radio France, Radio Finlandesa...) e interpretadas por formacións como a London Sinfonietta, Ensemble TM+ de París e Ensemble Antidogma Música de Turín. Unha obra que para o grupo de investigación estivo marcada pola liberdade, a atemporalidade e o radicalismo, polo que en apenas dúas décadas de actividade Macías se converteu na figura máis representativa da música contemporánea en España e de gran recoñecemento fóra das nosas fronteiras.
Os documentos que compoñen esta colección foron dixitalizados, incluída unha colección de 180 cintas magnetofónicas das que se puido recuperar un 92% do seu contido. Este labor de preservación e dixitalización permite acceder á riqueza da obra de Macías dunha maneira máis accesible e duradeira.
Todas as persoas que interviñeron no acto concordaron en salientar a xenerosidade e boa disposición da familia do autor vigués.