Ir o contido principal

O patrimonio dos camiños do Courel, a estudo na Estación Científica da USC

Paisaxe courelá
Paisaxe courelá
O programa do seminario, que se celebrará do 25 ao 27 de setembro, inclúe seis relatorios e un percorrido polo ‘Camín dos Cangos’. A inscrición está aberta e é de balde no enderezo electrónico estacion.courel.inscricións@usc.es
Lugo

Os camiños do Courel, así como a súa importancia e posta en valor, serán obxecto de análise e debate no marco da terceira edición do seminario sobre o patrimonio cultural courelá, un foro promovido desde o campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá do 25 ao 27 de setembro, nas instalacións e nos exteriores da Estación Científica do Courel. Esta actividade de divulgación científica é de carácter gratuíto para as persoas interesadas, que poden formalizar xa a súa inscrición de balde no enderezo electrónica estacion.courel.inscricions [at] usc.es (estacion[dot]courel[dot]inscricions[at]usc[dot]es). O aforo está limitado a un máximo de 20 persoas, a fin de cumprir a normativa derivada da pandemia provocada pola COVID-19. Os relatorios serán gravados para a súa posterior difusión en liña.

O militar, historiador e escritor Xosé Fortes abrirá o 25 de setembro, ás 18.30 horas, o programa de relatorios do III Seminario O Patrimonio Cultural do Courel cunha intervención baixo o título ‘Os Viaxeiros da Luz no Courel. 30 anos dunha viaxe a cabalo por Galicia’. Logo desta primeira sesión, o programa do foro promovido pola Estación Científica do Courel, un centro da USC que coordina o catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Antonio Rigueiro Rodríguez, continuará o sábado 26 cun amplo panel de conferencias en quenda de mañá e tarde.

A licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC e Diploma en Estudos Avanzados pola Universidade de Granada Branca Novoneyra, que tamén é concelleira de Compostela Aberta en Santiago, abrirá a quenda de intervencións ás 10.00 horas co relatorio ‘"Ámeto mítico. Residencias literarias itinerantes no Camiño de Santiago’. Unha vez rematada esta intervención, o investigador do CSIC – INCIPIT e especialista en arqueoloxía da paisaxe David González-Álvarez ofrecerá a charla ‘As montañas como áreas de encontro: camiños, pastores e rabaños na construción das paisaxes culturais da Cordilleira Cantábrica’.

A sesión matinal chegará ao seu colofón cunha exposición titulada ‘O castelo do Carbedo e a Orde de Santiago’, a cargo de Julio Vázquez Castro, profesor titular de Historia do Arte da USC. Xa en quenda de tarde, o traballador social do Courel Xesús A. Parada Jato acompañará a comitiva participante no curso nun percorrido polo chamado ‘Camín dos Cangos’, cuxo itinerario é o do antigo camiño real que ía polo val do río Pequeno.  

O III Seminario O Patrimonio Cultural do Courel concluirá o domingo 27 cunha sesión matinal que inclúe dous relatorios. A primeira sesión comezará ás 11.00 horas e correrá a cargo da doutora en Historia pola Universidade de Sevilla Ruth Pliego Vázquez, que ofrecerá a charla ‘A moeda sueva e visigoda na Gallaecia: a ceca de Laure’. O profesor ad honorem da USC Antonio Rodríguez Colmenero, que tamén é académico da RAG de Belas Artes, pechará este foro cun relatorio sobre as vías romanas no Courel.

Cartaz do III Seminario Patrimonio Cultural do Courel
Cartaz do III Seminario Patrimonio Cultural do Courel
Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2021.