Patrocinio Morrondo, nova asesora do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación do Goberno de España
A catedrática da área de Sanidade Animal na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC Patrocinio Morrondo Pelayo prestará asesoramento ao Goberno de España en materia de infraestruturas científicas e técnicas singulares, logo de ser nomeada vogal do Comité Asesor de Infraestruturas Singulares (CAIS) da Comisión Executiva do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación (Cecpti) dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O CAIS é un órgano de asesoramento integrado por un máximo de 15 membros seleccionados pola Cecpcti de entre científicos, tecnólogos e xestores de recoñecido prestixio no eido da I+D+i, ou responsables de institucións de especial relevancia do sector público e privado que cobren un amplo abano de materias científicas e tecnolóxicas.
O cometido deste comité de asesoramento sobre infraestruturas singulares é amplo, xa que entre as súas tarefas atópanse as de avaliar o cumprimento dos criterios e requirimentos esixidos ás candidaturas que aspiran a formar parte do Mapa de Infraestruturas Científicas e Técnicas Singulares (ICTS). A supervisión periódica, cando menos cada catro anos, dos criterios que propiciaron este recoñecemento, así como a análise do seu plan estratéxico, indicadores de resultados e actividade, tamén é responsabilidade do CAIS.
Outra das encomendas deste comité sobre infraestruturas científicas é o de realizar informes sobre o estado e o seguimento do desenvolvemento das infraestruturas singulares de I+D+i en España e das súas áreas temáticas, ademais de achegar propostas para a mellora da súa coordinación e eficacia.
Currículo Patrocinio Morrondo Pelayo
Doutora en Ciencias Biolóxicas e Licenciada con Grao en Veterinaria pola Universidade de León (especialidade en Medicamento e Sanidade Animal) e Diplomate European Veterinary Parasitology College (European Veterinary Specialist EBVS®), Morrondo Pelayo é na actualidade catedrática de I+D da área de Sanidade Animal na Facultade de Veterinaria da USC.
Coordinadora do grupo de Investigación en Sanidade Animal Galicia (Invesaga), un grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia, Patrocinio Morrondo Pelayo é IP de diversos proxectos nacionais e autonómicos e de contratos de investigación con administracións e empresas. Ten xa recoñecidos 6 tramos de investigación e 6 tramos de docencia universitaria. Realizou máis de 120 publicacións en revistas indexadas, 150 artigos en revistas científicas non indexadas e de divulgación, 10 capítulos de libros, e máis de 500 comunicacións en congresos científicos internacionais e nacionais.
A tamén presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) e académica numeraria da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, co dirixiu 23 teses de doutoramento e máis dunha vintena de memorias de licenciatura, ademais de actuar como titora de 25 traballos fin de máster.