Os patróns produtivos en fraseoloxía, a análise no congreso internacional Europhras
Máis dun cento de especialistas de 23 países de todo o mundo danse cita este xoves e venres no XXII Congreso internacional Europhras ‘Productive patterns in Phraseology’ que dende 1981 organiza a Sociedade Europea de Fraseoloxía (EUROPHRAS). Os congresos van rotando por diferentes países europeos, sendo esta a terceira vez que se celebra en España.
A presente edición, a celebrar na Facultade de Filoloxía, trata os patróns produtivos en Fraseoloxía, polo que a Gramática de Construcións ocupa un lugar relevante no congreso. Participarán os relatores plenarios, todos eles de sona internacional, Ludmila Pöppel, Alexander Ziem, Gloria Corpas, Elmar Schafroth, Kathrin Steyer e Dmitrij Dobrovol'skij, este último con varios premios no seu haber, que presentou no Centro Ramón Piñeiro un dos seus libros traducido do ruso ao galego en ‘Cadernos de Fraseoloxía’.
A recorrencia de determinados perfís sintagmáticos dunha palabra ou unidade fraseolóxica en situacións comunicativas similares reforza a idea da existencia de patróns de uso dentro do noso lexicón mental, que son utilizados de xeito case automatizado. Tendo en conta os métodos actuais de descrición dos patróns lingüísticos, o tema marco deste congreso pretende un achegamento ao fenómeno dos modelos existentes na lingua desde o punto de vista cognitivo, dende a Gramática de Construcións e segundo os métodos empregados na Lingüística de Corpus e na Pragmática.
A inauguración tivo lugar no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e contou coa presenza da vicerreitora de Titulacións, Mª Victoria Otero Espinar; a decana da Facultade de Filoloxía, Mª José López Couso; a presidenta de EUROPHRAS, Kathrin Steyer; a presidenta do comité organizador do congreso, Carmen Mellado Blanco; e a secretaria do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Elsa María González Álvarez.