Ir o contido principal

Paula Rodríguez e Christian Vidal, ‘Talentos Mozos’ da USC

Paula Rodríguez Villamayor e Christian Vidal Vides
Paula Rodríguez Villamayor e Christian Vidal Vides
A estudante de doutoramento na Facultade de Veterinaria e o investigador do CiQUS acadan os galardóns outorgados pola Xunta de Galicia nas modalidades Rural e Ciencia e que inclúen cadansúa gratificación de 5.000 euros
Lugo, Santiago de Compostela

A graduada en Veterinaria e estudante de doutoramento na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo Paula Rodríguez Villamayor, e o investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, Christian Vidal Vides, veñen de ser distinguidos cos premios Talento Mozo de Galicia, nas modalidades de Rural e Ciencia, na primeira edición destes galardóns convocados pola Di¬rección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.

O tribunal encargado de fallar estes galardóns, creados co obxecto de recoñecer  traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos de idade, e dotados cunha gratificación económica de 5.000 euros en cada unha das modalidades, resolveu distinguir a investigadora de doutoramento estradense Paula Rodríguez Villamayor por ser “a candidata que representa unha importante traxectoria a prol do coñecemento no eido da cunicultura, contribuíndo a mellorar as producións e a converter o medio rural”.

Os resultados das pescudas que está a desenvolver Rodríguez Villamayor no marco da comunicación química en coellos no marco da tese de doutoramento que dirixen os profesores da Facultade de Veterinaria da USC e integrantes da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra (BioReDes), Pablo Sánchez Quinteiro e Paulino Martínez Portela, foron algún dos méritos valorados pola comisión que avaliou os méritos da súa candidatura.

O tribunal responsable de fallar este galardón tamén apoiou a súa decisión no notable rendemento académico acreditado por Rodríguez Villamayor, así como o alcance dos artigos científicos publicados en revistas especializadas Q1, e mesmo a consecución dun premio do certame NeuroArt, convocado pola Sociedade Española de Neurociencia, e ao que esta investigadora da USC concorreu con dúas imaxes do órgano vomeronasal do coello.

O premio Talento Mozo Galicia na modalidade de Ciencia recaeu en Christian Vidal Vides.  A traxectoria científica acreditada por este doutor pola Universidade de Oviedo, que na actualidade integra o cadro de investigadores do CiQUS da USC, representa un alto grao de innovación, orixinalida¬de e gran calidade. Vidal Vides, que desenvolveu investigacións en entidades tanto nacionais como internacionais, nas que ampliou a súa formación e achegou valor investigador no eido tanto da química orgánica sintética como na química organometálica, responde ao perfil dun investigador mozo que destaca pola súa gran habilidade en cálculos teóricos e de análise de raios X.

O seu currículo é exemplo de grao de excelencia e de éxito, como traxectoria no ámbito da investigación científica premiada, con bolsa e con alto impacto nas súas publi¬cacións (índice h=14). Trátase dunha persoa que traballa de forma colaborativa sendo o vínculo de unión entre universidades de referencia a nivel mundial e empresas, o que lle dá méritos como investigador que inicia procesos de transferencia ao eido empresarial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2020.