Ir o contido principal

A pegada de Roma é “un elemento consubstancial” na vida da sociedade luguesa, salienta Dopico Caínzos

De esquerda a dereita, Juan Santos Yanguas, Jesús Varela Zapata, Tareixa Ferreiro e Dolores Dopico, na apertura do coloquio científico sobre a incidencia de Roma nas comunidades indíxenas
De esquerda a dereita, Juan Santos Yanguas, Jesús Varela Zapata, Tareixa Ferreiro e Dolores Dopico, na apertura do coloquio científico sobre a incidencia de Roma nas comunidades indíxenas
Investigadores procedentes de sete universidades de tres países abordan na Casa do Saber de Lugo a intervención romana nos pobos indíxenas nun coloquio científico coordinado pola directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo
Lugo

A pegada de Roma segue a ser “un elemento consubstancial” na vida da sociedade luguesa, salienta a directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico Caínzos. A profesora de Historia Antiga da USC realizou estas declaracións este martes na Casa do Saber na sesión de apertura do coloquio científico ‘A intervención de Roma nas comunidades indíxenas’, no que participan como relatores prestixiosos investigadores do mundo romano procedentes das universidades de Cantabria, País Vasco, Barcelona, Zaragoza, Baleares, así como outros relatores pertencentes a universidades estranxeiras, tales como a Universidade de Lisboa ou ao Instituto Ausonius da Universidade de Burdeos (Francia).

“Basta ollar saír á rúa e ollar a muralla ou coñecer que o hospital de Lugo recibe o nome de Lucus Agusti para, alén do rico patrimonio, darse conta da fonda pegada que aínda mantén o mundo romano en Lugo”, sinalou Dopico Caízos na sesión de apertura deste coloquio científico, na que tamén participaron a deputada provincial e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreio; o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, e o catedrático de Historia Antiga da Universidade do País Vasco, Juan Santos Yanguas.

Este encontro de análise e debate sobre a pegada romana la capital luguesa, en particular, pero tamén noutros territorios da Península Ibérica, nun contexto máis amplo, serviu tamén de preludio do Arde Lucus, cuxos actos festivos programados na capital amurallada propiciarán unha viaxe no tempo á primitiva Lucus Augusti entre o 17 ao 20 de xuño.

Programa

O programa da reunión científica, que está estruturada en diversos relatorios e que se pode seguir de xeito telemático ou presencial, comezou cunha relatorio de José Manuel Iglesias Gil, da Universidade de Cantabria, quen ofreceu a charla ‘Os epítetos da fundación e promoción social das cidades romanas de Hispania por Augusto: de Iulia a Augusta’.

‘A primeira fase de urbanización do litoral nororiental de Hispania Citerior (siglos II-I a.C.): a diversidade de modelos e a súa materialización’ é o título da charla que ofreceu de seguidoo profesor da Universidade de Barcelona Víctor Revilla. Ao remate da súa intervención, Estíbaliz Ortiz de Urbina, da Universidade do País Vasco disertou sobre as formas de organización cívica e non cívica da poboación na área setentrional de Hispania Citerior durante o Alto Imperio, mentres que Ángeles Magallón, da Universidade de Zaragoza, afondou na última sesión matinal sobre as vías de comunicación, redes urbanas e as dinámicas de desenvolvemento no VME.

Un relatorio de Milagros Navarro, da Universidade de Burdeos, sobre a práctica epigráfica na provincia romana de Aquitania na que tratará o exemplo do vicus de Baugy, serviu para abrir o programa vespertino, ao que seguiu o relatorio ‘Elites locais e regalo diplomático: a construción ideolóxica da hexemonía romano-republicana’, a cargo de E. García Riaza, da Universidade das Illas Baleares.

Este foro científico sobre a intervención de Roma nas comunidades indíxenas locais rematará cun relatorio do profesor e investigador da Universidade de Lisboa Carlos Fabiâo baixo o título ‘Imitacións locais de cerámica romana: Unha moda ou un cambio cultural?’. Ao remate das intervencións, o público asistente poderá participar nun coloquio con todos os investigadores convidados.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2021.