Ir o contido principal

Pemade bota a andar na EPSE do Campus Terra un posgrao de cálculo de madeira estrutural con 21 persoas inscritas

Laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus Terra da USC
Laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus Terra da USC
O director da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, inaugura este xoves, ás 15.30 horas, no centro universitario do Campus Terra da USC, un programa de formación téorico e práctico estruturado en 10 créditos ECTS
Lugo

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC bota a andar este xoves, a partir das 15.30 horas, no salón de actos do centro, a primeira edición dun curso de posgrao sobre cálculo de madeira estrutural, un programa a través do que se busca ampliar os coñecementos e a capacitación das 21 persoas inscritas, todas elas con formación universitaria e coñecementos previos neste ámbito.

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, inaugurará esta módulo formativo, co que Pemade trata de atender unha demanda do sector profesional, no marco dunha sesión de apertura na que tamén intervirán o catedrático da USC e coordinador de Pemade, Manuel Guaita, e a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero.

O curso ‘Cálculo de estruturas de madeira’, un programa de formación específica e de carácter presencial, achegará ao alumnado formación práctica no laboratorio de Pemade sobre ensaios estruturas, o que lles permitirá ampliar os seus coñecementos respecto do comportamento que presentan as estruturas de madeira. A formación en cálculo, a través da resolución práctica de proxectos orientados a favorecer a aprendizaxe de conceptos teóricos e a realización de visitas a empresas e entidades relacionadas co sector industrial da madeira, así como a obras en execución, completan o programa da primeira edición deste curso.

O cadro docente deste posgrao propio da USC está formado polo director de Pemade, Manuel Guaita, ademais de polo arquitecto e técnico superior de investigación de Pemade, José Antonio Lorenzana, e polos enxeñeiros de Montes María Portela Barral, Rubén Regueira e Azahara Soilán Cañas.

O programa deste posgrado da USC promovido e impartido por Pemade está estruturado en 10 créditos ECTS (100 horas). As distintas sesións formativas desenvolveranse nas instalacións de que dispón Pemade no Campus Terra da USC os xoves, venres ata o 15 de xullo, en quenda de 15.30 a 20.30 horas, e os sábados, de 9.00 a 14.00 horas. Os organizadores deste curso tamén teñen previsto realizar visitas a obras e entidades os días 6 e 13 de xullo, en quenda de mañá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2023.