Ir o contido principal

O percorrido de 33 premios Nobel pola USC

David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968. FOTO: Denise Applewhite. Office of Communications. Princeton University
David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968. FOTO: Denise Applewhite. Office of Communications. Princeton University
David W.C. MacMillan, Nobel de Química 2021 que visita Compostela co gallo do décimo aniversario do CiQUS, será tamén o próximo convidado do programa ConCiencia que estrea nova páxina web e polo que tamén pasaron científicos recoñecidos coa medalla Fields, ou cos premios Abel e Turing
Santiago de Compostela

Entre os anos 2006 e 2019, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Coa vontade de poñer en valor estes fitos e de fortalecer a súa dimensión divulgativa, a Universidade acaba de lanzar un novo espazo público que recolle as visitas que estas 33 personalidades realizaron a Santiago de Compostela.

A nova web de ConCiencia, o programa que serve de ponte entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo investigador da USC, permite un acceso rápido, sinxelo e intuitivo aos seus contidos. Deste xeito, as persoas usuarias deste novo sitio web poderán acceder aos relatorios íntegros que cada unha destas personalidades pronunciaron en Compostela, así como a material fotográfico e noticias sobre a súa estadía.

Ademais dos premios Nobel, no marco do programa ConCiencia, teñen visitado a USC persoas galardoadas coa Medalla Fields outorgada pola Unión Matemática Internacional; o premio Abel, considerado como o Nobel das Matemáticas; e o premio Turing concedido no eido das Ciencias da Computación. Ademais, na nova web do programa ConCiencia tamén se pode consultar o material relativo aos catro premios Fonseca que a USC concedeu a Stephen Hawking en 2008, a James Lovelock en 2009, a David Attenborough en 2010, e a Roger Penrose en 2011.

David W.C. MacMillan

David W.C. MacMillan será o próximo premio Nobel que visitará Compostela. A fins do mes de marzo, MacMillan pronunciará o relatorio ‘A química como pasaporte ao mundo: o camiño dende Bellshill, Escocia, ata as marabillas da invención e o descubrimento’. A sesión desenvolverase o mércores 30 de marzo, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (rúa Preguntoiro, 23). MacMillan visita Compostela co gallo do décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), e tamén intervirá no programa de actividades ‘100 anos de estudos en Química’.

A traxectoria científica de David MacMillan destaca polos seus achados no eido da organocatálise asimétrica, baseada en pequenas moléculas orgánicas. A capacidade para fabricar moléculas é fundamental no progreso da humanidade. Para iso son claves os chamados catalizadores, sustancias que controlan e aceleran as reaccións químicas, sen ser parte do produto final. Por exemplo, nos coches transforman as sustancias tóxicas do tubo de escape en moléculas inofensivas. O corpo humano tamén contén miles de catalizadores que regulan a formación das moléculas necesarias para a vida. Durante moito tempo pensouse que só había dous tipos de catalizadores, ata que David MacMillan e Benjamin List descubriron a terceira vía da organocatálise asimétrica, temática na que MacMillan afondará durante a súa estadía en Compostela. 

Grazas á organocatálise asimétrica convértense determinadas sustancias químicas en produtos moito máis valiosos, dunha forma medioambientalmente sostible e económica, algo de enorme relevancia a nivel industrial, sobre todo no eido farmacéutico. Ademais, os organocatalizadores que dirixen estas transformacións permiten obter só unha das dúas formas especulares nas que soen existir moitos produtos (formas especulares como son a man dereita e esquerda); o que é vital para que poidan facer a súa función biolóxica ou tecnolóxica da forma axeitada.

Currículo

David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968, no seo dunha familia traballadora. Despois dunha educación secundaria da que se sente moi orgulloso, cursou química na Universidade de Glasgow. En 1991 mudouse aos Estados Unidos, para facer a tese de doutoramento na Universidade de California-Irvine, rematando en 1996. Despois dunha estadía postdoutoral de dous anos na Universidade de Harvard, comezou o seu traballo independente na Universidade de Berkeley, en California, en 1998. Alí foi onde o seu grupo fixo os primeiros experimentos que levaron no ano 2000 a unha publicación clave na revista Journal of the American Chemical Society, describindo os primeiros exemplos que permitiron conceptualizar o campo da organocatálise asimétrica, polo que recibiría o Premio Nobel en 2021 xunto co alemán Benjamin List, que no mesmo ano publicou outro artigo na mesma revista, cunha estratexia de organocatálise alternativa.

Pandemia

O programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago viuse na obriga de interromper a súa actividade por mor da pandemia da COVID-19. Así, o último premio Nobel que visitou Compostela foi Tomas Lindahl en novembro de 2019. A situación de emerxencia sanitaria implicou a cancelación das visitas que xa estaban programadas naquela altura, tal e como explicou o director do programa e catedrático da USC, Jorge Mira . Este foi o caso de Kip Thorne (Nobel de Física, 2017), Frances Arnold (Nobel de Química, 2018) e Fraser Stoddart (Nobel de Química, 2016).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2022.