Peregrina Quintela, reelixida presidenta da Rede Española Matemática-Industria
A catedrática de Matemática Aplicada da USC e directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), Peregrina Quintela, acaba de ser reelixida presidenta da Rede Española Matemática Industria (math-in) por outros catro anos.
Acompáñana no equipo da xunta directiva Carlos Parés, catedrático de Matemática Aplicada da Universidade de Málaga, como vicepresidente; María Luisa Rapún, profesora titular da Politécnica de Madrid, como secretaria, e Mikel Lezaun, catedrático de Matemática Aplicada da UPV/EHU, como tesoureiro. Na xunta directiva tamén participa o profesor do Departamento de Matemática Aplicada da USC, José Luis Ferrín.
Math-in
A Red Española Matemática Industria (math-in), constituída o 30 de setembro de 2011 co principal obxectivo de fomentar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía matemática á industria, está formada por 418 investigadores de 17 universidades e 2 centros de investigación españois, que forman parte dos 33 grupos de investigación socios de math-in.
Nos últimos 4 anos a asociación colaborou con case 90 institucións nacionais e internacionais, captando unhas 60 demandas de colaboración. Realizáronse máis de 180 reunións con representantes de empresas e institucións, nas que se presentou a oferta e actividades que se levan a cabo desde math-in. Froito deste traballo, a asociación rexistrou máis de 150 casos de éxito nos últimos anos. Ademais, organizáronse arredor de 25 eventos entre xornadas, workshops, Study groups, modelling weeks, etc., onde se impulsou o uso da matemática como solución a problemas industriais. Desde o ano 2013, coa posta en marcha do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), math-in incrementou notablemente a súa presenza no ámbito internacional converténdose no nodo español desta rede europea.