Ir o contido principal

Persoal investigador da EPS de Enxeñaría valida o uso de algas mariñas como fertilizantes e bioestimulantes de diversos cultivos

Plantación de patacas na se que se aplicaron extractos de algas
Plantación de patacas na se que se aplicaron extractos de algas
O consorcio impulsor de Algaterra, liderado pola empresa Porto Muíños e no que particpan o grupo de Agronomía do Campus Terra da USC, Misión Biolóxica de Galicia e, entre outros,Feuga, presenta os resultados das pescudas desenvolvidas no marco dun proxecto orientado a obter novos insumos aptos para agricultura ecolóxica con descartes de algas mariñas
Lugo, Santiago de Compostela

Investigadores da unidade de xestión de residuos e fertilización do grupo Agronomía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC validan a eficacia do uso de algas mariñas como fertilizantes e bioestimulantes de diversos cultivos, segundo constatan os resultados das pescudas desenvolvidas ao abeiro do programa Algaterra, un proxecto piloto de innovación liderado pola empresa Porto Muíños e cofinanciado con máis de 140.000 euros a través dos Fondos Feader, no que tamén participan a Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e as empresas Adegas Terras de Asorei, Riveiro Ecológicos e Horta Da Lousa.

As algas preparadas nos seus diferentes formatos, xa como fertilizante deshidratado, xa como compoñente do substrato de cultivo ou ben como extracto, foron obxecto de diversos ensaios en campos de plantación de pataca, leituga, tomate e vide, segundo constataron a profesora e investigadores do grupo de Agronomía da USC na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, Elvira López Mosquera, e a coordinadora do grupo de Viticultura, Oliva e Rosa (VIOR) da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), Mª del Carmen Martínez Rodríguez.

Os traballos supervisados por estas investigadores permitiron confirmar o valor das macroalgas mariñas como fertilizante, en gran medida grazas aos seus apreciables contidos en nitróxeno e potasio, ademais de comprobar a mellora das propiedades físicas dos substratos. Nos ensaios, agregan, tamén se observaron resultados significativos na aplicación de algas como bioestimulantes, dado que a súa aplicación fortalece o sistema inmunitario das plantas, aumenta a tolerancia a estrés biótico (enfermidades e pragas) e abióticos (seca, salinidade, calor, frío), ao tempo que mellora a absorción de nutrientes.

Alén destes beneficios do emprego de descartes de algas como insumos agrícolas, as probas realizadas mediante a aplicación foliar dos extractos achegaron resultados significativamente positivos e moi prometedores no desenvolvemento dos cultivos, tal e como, por exemplo, é o aumento do 74% do peso de produción comercial de pataca ou o incremento do 37% do peso das leitugas comerciais, respecto doutras producións de parcelas controladas nas que non se aplicaron os extractos de algas formulados ao abeiro do proxecto Algaterra.

Alternativa viable

As primeiras conclusións do proxecto Algaterra revelan que as algas mariñas constitúen unha alternativa viable para atender a demanda dos produtores en sistemas de agricultura ecolóxica. O aproveitamento deste tipo de descartes permite tamén á industria das algas galegas, así como a todas as actividades que xiran arredor deste sector, avanzar cara a unha economía verde e circular, segundo se puxo de manifesto na xornada técnica que vén de celebrarse nas instalacións da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) en Pontevedra, no marco da que a responsable de I+D de Porto Muíños, Manuela Buján, explicou o proceso de recollida, clasificación, almacenamento e tratamento dos descartes de algas e a súa posterior preparación de fertilizantes.

Buján destacou asemade que as formulacións e o cálculo das distintas doses fixéronse en función das necesidades nutricionais de cada cultivo, dos resultados da análise dos solos e das características nutricionais das algas. Buján aproveitou a súa intervención nesta sesión, que comezou cunha charla informativa sobre a PAC 2023-2027, a cargo do xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel López Luaces, para relatar como se procedeu á produción de extractos de algas a escala de laboratorio e piloto para aplicar a cada cultivo. Este proceso implicou a realización de probas de crecemento inducido para coñecer o rango de actividade e toxicidade dos mesmos, así como probas para atopar as doses óptimas, sinalou Buján.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2023.