Ir o contido principal

O persoal investigador en formación mostrará os seus traballos no II Encontro da Mocidade Investigadora

O persoal investigador en formación mostrará os seus traballos no II Encontro da Mocidade Investigadora
O persoal investigador en formación mostrará os seus traballos no II Encontro da Mocidade Investigadora

O II Encontro da Mocidade Investigadora volverá reunir a finais de xaneiro a persoal investigador en formación para a exposición dos seus traballos e a celebración de obradoiros de debate, conferencias e táboas redondas sobre diversas cuestións de interese. Este formato de traballo dará visibilidade á actividade investigadora que se realiza na USC no marco dos programas de doutoramento ao tempo que serve de punto de encontro para compartir experiencias de boas prácticas no desenvolvemento da actividade investigadora e promove o exercicio da crítica científica. As persoas que realizan o doutoramento na USC poderán formalizar a súa inscrición e matrícula de xeito gratuíto, para o que deberán enviar por correo electrónico (edi.campusvida [at] usc.es (edi[dot]campusvida[at]usc[dot]es)) o formulario debidamente cuberto, a copia do pago da matrícula na etapa de tese no presente curso académico e un resumo da comunicación que poderá presentarse en galego, castelán ou inglés, indistintamente. A comunicación poderá realizarse en formato oral, póster ou como comunicación oral do póster. O prazo para o envío da documentación remata ás 14.00 horas do xoves 16. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web da Escola de Doutoramento Internacional. Entre os días 29 e 31 de xaneiro no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, o II Encontro profundará na definición do papel dos/as doutores/as como actores principais da sociedade, na xeración e transferencia de coñecemento, abrindo espazo para a reflexión sobre as bases para a colaboración entre o doutoramento e as industrias, empresas e administracións públicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2014.