Ir o contido principal

Persoal investigador e representantes da administración e a empresa debaterán sobre o potencial da economía circular

A partir da idea de que a Economía Circular é unha das principais estratexias actuais europeas para xerar crecemento e emprego, o Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación da USC organiza unha actividade formativa aberta ao público sobre esta cuestión. Como explica a Fundación para a Economía Circular, este é un concepto económico interrelacionado coa sustentabilidade e “cuxo obxectivo é que o valor dos produtos, materiais e recursos se manteñan na economía durante o maior tempo posible” ao tempo que se reducen ao mínimo a xeración de residuos.

‘Economía circular: un novo modelo produtivo para saír da crise’ é o lema destas xornadas, nas que se inclúe a visión de investigadores, así como de representantes de administracións públicas para explicar as iniciativas que se están a desenvolver neste eido. Tamén participarán representantes da Fundación para a Economía Circular co fin de analizar a situación en España e de empresas de distintos sectores que xa están aplicando os principios de economía circular na súa actividade. Tras as celebración de cada unha das mesas temáticas abrirase un tempo para o debate cos asistentes.

A xornada celebrarase os vindeiros días 30 e 31 de marzo no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, organizadas as intervencións en catro mesas temáticas cos lemas Economía circular: a senda cara á sustentabilidade?; Aposta pola economía circular: as iniciativas do sector público; o estado da cuestión en España; e negocios en economía circular: iniciativas empresariais, con especial atención aos sectores de servizos, industrial e o agrario.

O lugar de celebración será o salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. O programa comezará este xoves 30 ás 9.30 horas coa celebración da mesa ‘Economía circular: a senda cara á sustantabilidade’ na que intervirán o catedrático de Economía Aplicada Xavier Vences co relatorio ‘Unha alternativa para mudar o modelo produtivo e saír da crise’; o profesor Xoán Doldán falando de ‘Economía ecolóxica, sustentabilidade e decrecemento’; o profesor da Universidade de Valladolid Óscar Carpintero coa intevención ‘Metabolismo socioeconómico e economía circular’; e Ángeles Pereira, do grupo Icede da USC, para tartar ‘A eco-innovación, un prerrequisito para a economía circular’.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, os debates propostos xirarán arredor da mesa titulad ‘Aposta pola economía circular: as iniciativas do sector público’ e contará coa presenza de María Rincón, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; José María Fernánderz, de Ihobe-Sociedade Pública do Goberno Vasco para a Política Ambiental; Índrid Vives, da Dirección Xeral de Políticas Ambientais e Medio Natural da Generalitat de Catalunya; María Cruz Ferreira; directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia; e Cesáreo Mosquera, responsable da Área de Medio e Desenvolvemento Sostible da Deputación de Pontevedra.

O venres 31, a xornada reanudarase ás 9.30 horas coa conferencia da directora da Fundación para a Economía Circular, Ana Isabel Rodríguez, que fará unha análise da situación deste concepto en España. Completarase o programa cunha mesa redonda que revisa as iniciativas empresariais neste ámbito nos sectores de servizos, industrial e agrario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2017.