Persoal investigador da USC desenvolve un buscador web especializado en emprendemento
Un grupo de especialistas en emprendemento e computación da Universidade de Santiago de Compostela desenvolveu Mentor-Emprende, un innovador concepto de buscador web especializado no ámbito do emprendemento e do proceso de creación de novas empresas, particularmente desde o contorno universitario. O buscador, que se pode utilizar de forma gratuíta dende a páxina web de RedEmprendia, está dispoñible en español aínda que os seus responsables están traballando para ampliar o proxecto e incluír outros idiomas, buscadores personalizados por área xeográfica e acceso a documentos de redes sociais. A parte informática realizouse no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) da USC baixo a dirección de Manuel Lama e David E. Losada. O deseño de contidos, definición e axuste das buscas é responsabilidade de Loreto Fernández, experta en emprendemento e profesora do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC. A partir de Google Mentor-Emprende traballa a partir do motor de busca de Google, organizando o acceso á información a través de varios temas de interese propostos previamente. Nos seus resultados o buscador dá prioridade aos sitios con maior reputación, facilitando o acceso a fontes de calidade. A ferramenta pon ao alcance de quen desexan formarse no ámbito do emprendemento, e incluso iniciar un proceso emprendedor, documentos que podan cubrir as súas necesidades. O buscador incorpora breves descricións dos temas máis consultados cando se crea unha empresa. Para iso, ofrece recursos procedentes de páxinas web, da Wikipedia e de repositorios de documentos formativos da rede Universia. Ademais, o sistema está pensado para que o usuario se familiarice paulatinamente coa sintaxe de consultas avanzadas de Google, o que aumentará a calidade das súas buscas. “Moitos emprendedores teñen limitados coñecementos empresariais e habitualmente non coñecen en detalle os pasos a seguir para desenvolver o seu proxecto. De aí que unha aplicación que guíe as buscas, promocione sitios reputados e proporcione información relacionada a cada tema sexa moi valiosa”, afirma Losada. Proxecto laborioso Segundo explica este experto da USC, o proxecto pasou por varias fases, comezando pola creación e axuste dun buscador personalizado adaptado a Google e a configuración dun servizo de acceso á información web “flexible e adaptable”. Posteriormente definiuse a estrutura da base de datos necesaria para xerarquizar perfís, así como outras cuestións relacionadas co deseño web ou as interfaces de usuario e administrador. Nunha terceira etapa, fundamental, os especialistas en emprendemento definiron a xerarquía de conceptos importantes e o listado de sitios reputados. Losada destaca a “constante interacción entre a parte informática e de contidos para que Mentor-Emprende respondese de modo adecuado ás particularidades do dominio e, por tanto, puidese servir documentos de calidade”. RedEmprendia A rede universitaria iberoamericana RedEmprendia, que financiou o proxecto, busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. Na actualidade está formada por 20 universidades iberoamericanas de 7 países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia e Banco Santander. Os días 27 e 28 de novembro RedEmprendia celebrará en Madrid un foro internacional sobre emprendemento universitario que albergará varios premios para emprendedores e un foro de inversión para empresas innovadoras.