Ir o contido principal

Persoal investigador da USC e de Toulouse converterán Ourense no foco dunha xornada de estudo sobre a adaptación das cidades á calor

A calor pode supor tamén un desafío para a habitabilidade de cidades como Ourense
A calor pode supor tamén un desafío para a habitabilidade de cidades como Ourense
A Escola de Calor ‘Refuxios climáticos en Ourense?’ desenvolverase entre o 3 e o 6 de xuño na Biblioteca Publica NÓS de Ourense

Convidar a cidadanía a pensar sobre os modos de adaptación dos territorios e das formas de vida ao aumento das temperaturas derivadas da mudanza climática é o propósito da Escola de Calor ‘Refuxios climáticos en Ourense?’ que terá lugar a vindeira semana en Ourense. A iniciativa, de entrada libre, é froito dunha colaboración entre investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade francesa de Toulouse.

Entre os días 3 e 6 de xuño, a Biblioteca Publica NÓS converterase nun caso de estudo para diagnosticar o confort térmico do edificio a través dun protocolo participativo de medición. Ao tempo, en diálogo cos principios da ciencia aberta, o equipo organizador abrirá a súa investigación ao conxunto da cidadanía mediante un programa público e aberto de actividades orientadas á imaxinación colectiva dunha cidade en proceso de adaptación á calor.

A calor constitúe un desafío para o futuro dos ecosistemas naturais, pero tamén para a habitabilidade dos espazos urbanizados e as infraestruturas, como apuntan as persoas organizadoras, o investigador María Zambrano no Departamento de Xeografía da USC Brais Estévez e a investigadora na Universidade de Toulouse Julia Hidalgo. O aumento das temperaturas pode comprometer o equilibrio dos ecosistemas e propiciar a aparición de novas doenzas, sinalan, pero tamén a aparición da calor como factor de vulnerabilidade da vida na cidade “trae consigo retos inéditos para o deseño urbano, relativos á formulación de novos modos de habitabilidade”.

I é precisamente para “suscitar respostas á altura dos desafíos que sinalan os datos” que os organizadores organizan esta Escola de Calor: “para crear desde as ciencias sociais e humanas contextos de complicidade pública e cidadá que permitan soster as evidencias científicas de maneira colectiva”. “As actuacións de adaptación necesarias para preparar as nosas cidades a un escenario de altas temperaturas non poden levarse a cabo só desde unha perspectiva técnica”, advirten.

De aí que o programa desta Escola de Calor dea comezo o luns 3 de xuño ás 16.00 horas cunha serie de entrevistas con persoas usuarias na entrada da biblioteca, que se repetirán ao logo das xornadas xunto con moitos outros obradoiros e sesións prácticas de interese para a cidadanía. Xa no plano máis teórico, haberá varias mesas redondas sobre cambio climático e espazos cidadás ou saúde e calor extrema así como conversas con entidades ambientalistas e da cultura.

Programa da Escola de Calor
Programa da Escola de calor
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2024.