Persoal técnico de OTRIs das universidades galegas intercambian experiencias nunha xornada

Algo máis de medio centenar de representantes das Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) das universidades galegas reúnense estes días na USC. Xunto con representantes das universidades do norte de Portugal, no encontro participan persoal técnico encargados das cuestións relacionadas con contratos con empresas, proxectos europeos, patentes, creación de empresas e, en xeral, xestión de I+D.
O programa confórmao un conxunto de conferencia e táboas redondas arredor das que se intercambian formación e experiencias en cuestións como a organización da xestión da investigación, transferencia de tecnoloxía, valorización e emprendemento nas universidades galegas; a relación, no marco da transferencia de tecnoloxía e a innovación, das universidades coas axentes de innovación; as oportunidades para a ciencia e a innovación asociadas a RIS3 (2021-2027); ou a participación das universidades de Galicia no programa Horizonte Europa.
Xa o venres 22, as distintas intervencións previstas arrancarán cunha reflexión conxunta sobre a xestión da investigación nas universidades portuguesas, na procura de explorar posibilidades de colaboración coas universidades galegas. Tamén se abordará a experiencia acumulada nos últimos anos en relación á creación de empresas tecnolóxicas en Galicia, o programa Innovatia e as novas estruturas de organización da investigación, con particular atención aos campus de especialización, os centros e institucións de investigación e o papel das OTRI no seu deseño e promoción.