Ir o contido principal

Persoal universitario aprende nunhas xornadas en Lugo a utilización da sinatura electrónica

A xornada foi inaugurada polo vicerreitor de Coordinación e o director da Escola de Formación do Profesorado
A xornada foi inaugurada polo vicerreitor de Coordinación e o director da Escola de Formación do Profesorado
Esta nova tecnoloxía permitirá a axilización dos trámites

O vicerreitor da USC, Carlos Herrero, abriu na Escola de Formación do Profesorado de Lugo a xornada dirixida aos membros da comunidade universitaria para a difusión da sinatura electrónica. O responsable do campus estivo acompañado polo director do centro, Modesto Rodríguez Neira.
Os dous destacaron a importancia que terá para a Universidade de Santiago a implantación desta nova técnica, que permitirá axilizar a maior parte dos trámites “como as actas ou as cualificacións dos alumnos, entre outras moitas”. Ambos agradeceron o esforzo realizado por Carlos Gómez Otero e Javier Franco Tubío, organizadores das charlas, para que a USC contase con esta tecnoloxía.
Pola súa banda, o vicerreitor indicou a importancia que suporá esta novidade, xa que a sinatura electrónica servirá tamén para a súa utilización fóra do ámbito universitario.
A sesión deu comezo ás 10:00 horas cun resumo do contido da mesma, na que se presentaron varios relatorios explicando os fundamentos técnicos e legais desta sinatura, así como exemplos de boas prácticas desenvolvidos nos ámbitos estatal e galego en distintas administracións públicas e universidades.
Ademais, o programa da xornada incluíu un taller práctico dirixido ao Persoal Docente e Investigador sobre a utilización da sinatura electrónica nas actas da USC. Este taller recolle a experiencia da primeira fase de implantación da sinatura nas actas celebrada na Facultade de Dereito e no Departamento de Matemática Aplicada, e pretende servir de plataforma para o lanzamento da segunda fase que se vai desenvolver ao longo do presente curso académico coa incorporación de máis centros en Santiago e Lugo.
Como complemento á xornada, habilitáronse oficinas de rexistro, entre as 9:30 e as 13:30 horas, para obter o certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre descargándoo na Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI). Para os que non tiveron ocasión de facelo nesta xornada, habilitaranse lugares apropiados nos campus para realizar o trámite nos próximos días.
Das materias teóricas da xornada encargáronse o secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez; e o director da Área TIC da USC, Javier Franco, e o xefe de Xestión Técnica da Dirección de Coordinación Económica e Técnica da Dirección Xeral de Policía, Mauricio Pastor Serrano, entre outros. Complementou o programa unha quenda de intervencións para presentar boas prácticas en materia de procedementos dixitais en administracións e entidades públicas con representantes da Xunta de Galicia, da Axencia Tributaria de Galicia e da Universidade Jaume I.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2007.