Persoas con discapacidade debaterán en Santiago sobre as súas necesidades nun congreso internacional sobre a infancia
Persoas que presentan algún tipo de discapacidade ou algún trastorno no seu desenvolvemento falarán esta semana en Santiago sobre as súas necesidades no congreso internacional ‘Avancemos con eles. O mundo da infancia a debate’ que organiza a Unidade de Atención Temperá da USC.
Estas persoas participarán o venres nunha mesa redonda moderada pola doutora xefe da Unidade de Xenética do Hospital Central de Asturias, Ana Benavides, na que se debaterá sobre a protección dos máis vulnerables. Xunto a eles, o congreso contará coa participación de máis de 200 profesionais de lugares como México, Portugal, Estados Unidos, Colombia, Chile, Bélxica ou os Países Nórdicos.
O encargado de inaugurar o congreso –este xoves 30 de abril no Pazo de Fonseca- será o catedrático de medicina xenómica da USC e director do Instituto de Medicina Legal, Ángel Carracedo, que analizará os retos da medicina xenómica no campo da infancia.
Paliar problemasDurante tres días, dende o xoves ata o sábado 2 de maio, os profesionais analizarán os mellores métodos para evitar problemas como malos tratos, episodios de violencia nos colexios ou dificultades de aprendizaxe asociados a algún tipo de trastorno, para o que se contará coa presenza da profesora da Pontifica Universidade Católica de Perú e presidenta da ONG REDESS Jóvenes, María M. Raguz Zavala.
Daranse tamén a coñecer os mellores métodos de intervención para paliar problemas de aprendizaxe en menores con hiperactividade, autismo ou con enfermidades raras, coas intervencións do médico adxunto do Hospital Clínico de Santiago, Jesús Eirís, e o responsable do Instituto de Investigación en Enfermidades Raras, Manuel Posada.
Premio ao catedrático Iglesias DizAdemais, a Asociación Galega para a Docencia e a Investigación do Retraso Mental (A.G.A.D.I.R.), entregará no transcurso do congreso o III Premio A.Ga.D.I.R ao Mérito da Docencia e Investigación no Campo do Retraso Mental que este ano recae en Manuel Iglesias Diz, catedrático de Obstetricia y Xinecología da Universidade de Santiago.
Este recoñecemento xa lle fora outorgado no seu día ao catedrático de Pediatría na Facultade de Medicina de la USC e ex xefe de Pediatría no Hospital Xeral de Galicia, José Peña Guitián; e ao catedrático de Psiquiatría Infantil da Universidade de Sevilla, Jaime Rodríguez Sacristán.
O Congreso, declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, conta coa colaboración de entidades como Unicef, o Real Patronato de Prevención das discapacidades, o Observatorio Galego da Infancia, Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Fademga, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Autismo Galicia, Fundación Renascer ou Arela.