As persoas maiores de 40 anos con experiencia profesional ou laboral poderán solicitar o acceso a grao dende o 10 de febreiro
As solicitudes de acceso a grao de cara ao curso 2022-2023 para persoas maiores de 40 anos que acrediten experiencia profesional ou laboral poderán presentarse do 10 ao 28 de febreiro a través da sede electrónica da USC. Poderán tomar parte neste proceso aquelas persoas que cumpran, ou teñan cumpridos, 40 anos antes do 1 de xaneiro de 2023. Ademais, non poderán posuír ningunha titulación académica habilitante para acceder á universidade por calquera outra vía de acceso. Deberán acreditar tamén experiencia laboral e profesional en relación coa ensinanza universitaria oficial de grao para a que se solicita o acceso e superar unha entrevista persoal de adecuación da experiencia ao perfil de estudos solicitados.
A avaliación da experiencia laboral e profesional desta convocatoria estrutúrase en dúas fases: fase de valoración da experiencia laboral e currículo; e fase de entrevista. O 9 de marzo publicarase o nomeamento e composición dos tribunais; mentres que o día 15 do mesmo mes daranse a coñecer os criterios de valoración. A primeira fase desenvolverase do 23 ao 25 de marzo e os resultados publicaranse o día 30 dese mesmo mes. Pola súa parte, a fase de entrevista estenderase do 20 ao 22 de abril e as súas cualificacións daranse a coñecer o día 26. Finalmente, o 10 de maio publicaranse as cualificacións definitivas.