Ir o contido principal

Pezas das coleccións de ARCO, IFEMA e CGAC dialogan coa Igrexa da Universidade

Pezas das coleccións de ARCO, IFEMA e CGAC dialogan coa Igrexa da Universidade
Pezas das coleccións de ARCO, IFEMA e CGAC dialogan coa Igrexa da Universidade

A Universidade de Santiago e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inauguran este xoves, 1 de decembro, na Igrexa Universitaria unha nova exposición con obras das Coleccións da Fundación ARCO, de IFEMA e da Permanente do CGAC. Ao acto, ás 20.00 horas, asisten o reitor da USC, Juan Casares, e o director do CGAC, Miguel von Hafe. A exposición ‘Mystique. Colección CGAC, ARCo e IFEMA’ que comisaría Christina Ferreira é unha mostra máis da relación constante e coincidente coa aparición de novas linguaxes artísticas entre a Universidade compostelá e o CGAC desde a súa inauguración a comezos da década dos 90. Unha relación que se iniciou cunhas xornadas de música contemporánea e que, máis aló de diversos proxectos expositivos conxuntos ao longo destas dúas décadas, atopa unha liña de traballo continuada nas actividades do Máster en Arte Contemporánea da USC. A exposición Mystique, de Carlos Congost, abre a mostra, que pretende dialogar coa igrexa a través dunha serie de obras de arte contemporánea que levan ao concepto do “místico” (ou sexa, experiencia moi difícil de acadar na que se chega ao grao máximo de unión da alma humana co Sagrado). Na nave central do espazo recreouse un “cubo branco” a modo de sala de exposición convencional que preside a fotografía A última cea-Gaza do artista multimedia hindú Vivek Vilasini que recrea a bíblica escena protagonizada por mulleres ataviadas co shador para chamaren a atención sobre a súa problemática social. A fotografía de Jorge Barbi recolle a súa intervención dun minarete que se fusiona coas torres da catedral no ceo compostelán, mentres Manuel Vilariño debuxa unha gran cruz de pemento, cruz efémera e olorosa pola que serpea a pegada dun réptil; símbolo dunha mística pagá. Pola súa banda, María Pía Oliveira fotografa unha instalación monocromática de algodón creando así sensacións de levidade e ascensión e Sofia Jack, cunha pequena escultura de aceiro inoxidable, ironiza sobre a muller actual representándoa como unha deusa Shiva de múltiples brazos e múltiples tarefas. Este espazo complétase coa obra de Richard Orjis & Anthony Goicolea nun repetitivo autorretrato deste último para representar unha comunidade relixiosa cuxos membros acaban sendo moi similares entre si. Saíndo da sala e dialogando cos altares das naves laterais podemos ver Aura, a escultura lumínica de Brigitte Kowanz que se xunta coa instalación de Carlos Pazos, un curioso bodegón tridimensional titulado A flor dos erros. Cunha estética pop, a acuarela de Jiri Georg Dokoupil representa unha escena de iluminación relixiosa. O maletín de Antoni Tàpies Amis i amat reinterpreta aquela obra de Llull en que o amigo é o crente e Deus o amado. Na capela, Isaque Pinheiro recrea o mito do milagre das rosas (uns pans que se transforman milagrosamente en rosas protagonizado pola raíña Sabela de Portugal) cun despregamento de elementos de porcelana que forman unha gran rosa. Outra transformación de tipo máis naturalista pero non por iso menos milagroso, énos suxerida por Din Matamoro coa súa obra A auga axitouse e tornou branca, unha interesante pintura plana que adquire relevo coa distancia. No altar maior, O relicario de Christian Boltanski composto por caixas ocas de metal que van subindo en forma piramidal e salpicadas de curiosas caixas de luz que iluminan uns vellos retratos fotográficos. A peza O burato de Jack Leirner, forma tres ocos minimalistas onde se recollen os restos e detritos de papeis, deseños e marcas. Asentada fronte ao altar maior, A voda, unha obra irónica e litúrxica de Elmgreen Dragset. A obra de Mónica Alonso, Cor de carne triste, forma parte da serie TrB (transplantes de beleza) coa que investiga as diferentes calidades psicolóxicas das cores. Observando no seu contorno ás persoas que sofren de tristeza, angustia ou marxinación, trata de plasmar esas tonalidades “apagadas” que adquire a pel con esas emocións. Unha carcasa baleira, como pegada da carne, subliña esa tristeza, ese baleiro emocional. Marie-Jo Lafontaine móstranos nun fermoso vídeo a súa contemporánea visión da paixón, mentres Joan Fontcuberta enlaza unha antiga técnica de representación como é o mosaico coa fotografía dixital e internet para recrear a obra de Gustave Courbet de 1866. A exposición remata coa peza Santiago, unha fotografía da intervención de George Rousse realizada no vestíbulo do CGAC, na que o artista representa o plano topográfico do Fujiyama, un lugar de peregrinación xaponés que dialoga con outro lugar de peregrinación como Santiago. A mostra poderá visitarse ata o 7 de xaneiro de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2011.