Ir o contido principal

As pezas gañadoras do Xuventude Crea en moda e deseño de xoias xa están expostas na Igrexa da Universidade

A obra Camisetría recibiu o primeiro premio en xoias. FOTO: Santi Alvite
A obra Camisetría recibiu o primeiro premio en xoias. FOTO: Santi Alvite
Poderán visitarse ata o vindeiro 8 de xaneiro
Santiago de Compostela

A exposición de Moda e Deseño de Xoias do programa Xuventude Crea pode visitarse na Igrexa da Universidade ata o vindeiro 8 de xaneiro. A mostra que foi inaugurada este martes 12 pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, alberga as pezas gañadoras nestas dúas categorías, as últimas que quedaban por coñecerse de entre as catorce especialidades existentes no programa.

Na categoría de Moda o primeiro premio foi para María Albores, de Boiro, pola súa obra Un wenn sie nicht gestkregen sie, dann lieben sie noch heute; o segundo premio foi para Julia Lameiro, de Ames, por Lilith; mentres que o terceiro premio recaeu en Noemi Comesaña, de Vigo, por Albatros.

Pola súa banda, na categoría de Xoias o primeiro premio foi para Adrián Abal, de Negreira, pola súa obra Camisetría; o segundo foi para Daniela Alonso, de Santiago, por La cumbia de mis mostruos TL Pista; e o terceiro foi para Mª Madelen Ramos, de Vigo, por De mi tierra.  

Os gañadores en cada unha destas especialidades recibirán un premio en metálico de 3.000 euros, os segundos clasificados levarán 1.500 euros e a dotación económica para os terceiros é de 1.000 euros.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2023.