Ir o contido principal

O pianista David Durán doutórase na USC cunha tese sobre o aclamado compositor Toshio Hosokawa, de quen estrea dúas obras

Javier Durán traballando con Toshio Hosokawa
Javier Durán traballando con Toshio Hosokawa

O compositor xaponés Toshio Hosokawa é un dos compositores referentes do panorama musical actual, un dos máis coñecidos e recoñecido por unha orixinalísima linguaxe musical que integra elementos das tradicións milenarias do Xapón coas facturas occidentais máis vangardistas. A súa característica factura musical foi o obxecto de estudo da tese de doutoramento do pianista David Durán Arufe, dirixida polo profesor do Departamento de Historia da Arte Javier Garbayo e que lle valeu a máxima cualificación cum laude.

En ‘A música para piano de Toshio Hosokawa (*1955)’ analízanse individualmente as obras, e os resultados examínanse á luz dos propios escritos de Hosokawa sobre a súa filosofía musical. No traballo, o autor considera o papel dos antecedentes culturais do compositor no seu idioma musical e chega a conclusións sobre o estilo compositivo do autor e concretamente sobre o seu pianismo.

“A súa música causoume unha fonda impresión dende que a coñecera como estudante na Universidade das Artes de Amsterdam”, explica Durán. “Xordeu en min unha gran curiosidade por explorar o xeito co que podería expresar o seu universo sonoro tan enraizado nas artes e filosofías xaponesas nas que interveñen elementos do Gagaku, do teatro Noh, técnicas instrumentais inspiradas no Shakuhachi ou no Sho e unha concepción caligráfica do son baseada no Shodo a través dun instrumento tan europeo como o piano”.

Mais esta afinidade pola cultura xaponesa de David Durán, pianista especializado en música contemporánea e crítico musical, non lle vén só polo descubrimento da música de Hosokawa. O músico galego tiña xa unha especial relación co país nipón, non en van está casado coa pianista Haruna Tabeke e contaba con estudos previos en literatura clásica xaponesa na Universidade Sophia de Toquio. “Ademais, tiven ocasión de traballar moi estreitamente co compositor, tanto a nivel analítico como performativo, especialmente durante unha estadía de investigación de tres meses en 2015 na Universidade das Artes de Toquio”, aclara.

Un dos froitos desa investigación foi sacar á luz dúas partituras inéditas e descoñecidas, “ das que en poucos días estarei facendo a estrea en España acompañado de Haruna Takebe”, en concreto o vindeiro día 9 na Igrexa de Sta María a Maior de Pontevedra dentro do ciclo Do Audible : Yoru no kuni para dous pianos (1981, interpretada só unha vez) e Souvenir aus Japan para piano solo (2007), esta última nunca interpretada en público.

Hosokawa e a USC
Toshio Hosokawa quedou para sempre vencellado á Universidade de Santiago cando en 2014 foi a figura central do festival de músicas interculturais son[UT]opias do que David Durán foi director artístico . Hosokawa escribiu unha peza para este festival, Drei Engel Lieder para soprano e harpa, que se estreou no Paraninfo da Universidade e que dende aquela está a ser unha peza moi interpretada en numerosas cidades de Bélxica, Polonia, Alemaña, Estados Unidos ou Xapón -fai apenas unhas semanas en Berlín-, levando a todos estes sitios o nome da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2017.