Ir o contido principal

A pianista Ilona Timchenko, este martes no ciclo de Sonatas para piano de Beethoven

A pianista Ilona Timchenko, este martes no ciclo de Sonatas para piano de Beethoven
A pianista Ilona Timchenko, este martes no ciclo de Sonatas para piano de Beethoven

A pianista Ilona Timchenko ofrece este martes 23 o oitavo concerto do ciclo 'Unha vida de emocións en 32 sonatas. Integral sonatas para piano de Beethoven', interpretando nesta ocasión as sonatas 28 e 29. O recital, de entrada libre, terá lugar ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia. Santiago).

Nada en Crimea, Timchenko gañou o primeiro premio no III Abstract Securitirs Landor Competition celebrado no Cadogan Hall en Londres en 2007, conseguindo así un contrato de gravación con Landor Records. O seu primeiro CD con selo discográfico saíu á luz en decembro do 2009 e foi galardoado co titulo de ‘Extraordinario’ no International Records Review en xaneiro de 2010.

Agraciada cunha técnica fenomenal e potentes habilidades musicais e expresivas, cativou por completo ao público en xullo de 2008 no Buxton Festival en Inglaterra durante o seu debut. En abril de 2010 debutou no Unione Musicale, un dos máis prestixiosos festivais de Europa. Ilona Timchenko está agora en pleno auxe da súa carreira profesional internacional, viaxando polo mundo e ofrecendo recitais en salas tales como Wigmore Hall, Philips Hall en Holanda, Musikverein en Viena, Concertgebouw en Amsterdam, Gran Sala do Conservatorio de Moscova e o Teatro Monumental en Madrid.

Ilona Timchenko comezou a súa formación musical a unha idade moi temperá nunha pequena cidade de Crimea. Moi pronto trasladouse a Moscova onde continuou os seus estudos de piano e de composición, primeiro na escola Especial e logo no Conservatorio Estatal de Tchaikovsky. Posteriormente perfeccionou a súa formación en Holanda con Alexander Gold e Rian de Waal, en Italia con Lazar Berman e en Francia con Michel Beroff.

Como compositora, Ilona Timchenko iniciouse no Festival de Música Moderna de Aviñón (Francia), onde se estreou o seu Sexteto ‘Dedicatoria a Aviñón’ para instrumentos de corda e vento, o cal gozou dun especial beneplácito por parte da insigne compositora Sofía Gubaidulina.

Como pianista, desenvolveu unha intensa actividade concertística actuando con diversas orquestras entre as que destacan a Orquestra da Capella Académica de San Petersburgo, a Orquestra Filharmónica da Radio de Holanda, Orquestra do Norte de Holanda, Real Filharmonía de Flandes, Orquestra Sinfónica de Granada, Real Filharmonía de Galicia, Orquestra da Radio de Romanía e en diversas salas tales como en Musikverein (Viena), Concertgebouw (Amsterdam), Vreedenburg (Utrecht), Phillipszaal (A Haia), Gran Sala do Conservatorio de Moscova, Capella de San Petersburgo, Sala de Concertos Megaron (Atenas), Teatro Monumental (Madrid) e a Sala Mare a Palatului (Bucarest), entre outras. Tamén formou parte de conxuntos de cámara, como a Orquestra de Cámara Nova Música, dúo con Mark Lubotsky, Rivka Golani e Philippe Graffin, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2017.