A pianista Lucía Abelairas e Pablo Fernández, coa viola, ofrecen o martes 14 un concerto do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

A pianista Lucía Abelarias Lemos e Pablo Fernández Fidalgo, coa viola, ofrecerán este martes 14, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o penúltimo dos concertos de música de cámara programados ao abeiro do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’. O concerto de corda que brindarán Abelairas e Fernández divídese en dúas partes. No primeiro acto interpretarán tres composicións de Max Bruch, Román Alís e Carl M. Von Weber, mentres que a Sonata en rem, de Mijail Glinka, e Fantasía, op.94, de Johann Nepomuk Hummel, son as pezas elexidas para a segunda parte deste programa musical. A pianista Lucía Abeleiras Lemos, nada en Tenerife en 1980, comezou a súa formación aos 7 anos no Conservatorio Profesional de Música de Ourense da man de Elisa Timiraos. Na actualidade, esta intérprete é profesora no Conservatorio Profesional de Música de Lugo, un centro no que tamén desenvolve funcións docentes Pablo Fernández Fidalgo. Este ourensán, nado en 1984, comezou os estudos de viola no conservatorio da súa cidade á idade de 7 anos, para logo, a partir de 2002, ampliar a súa formación no Conservatorio Superior de Música da Coruña da man dos mestres Luis Magín Muñiz e Itsaso Bermejo. No 2007 remataría os estudos do grao superior de violín, unha bagaxe completada con clases regulares de mestres como Luis Roig, Alan Kovacs, Jesse Levine, Francisco Regozo, Eugenia Petrova... Asemade, conta xa cunha dilatada traxectoria como solista e tamén como compoñente de orquestras. O concerto de Lucía Abelairas e Pablo Fernández é de entrada libre e gratuíta para todo o público interesado, do mesmo xeito que todas as actividades programadas no marco do convenio Lugo Cultural. A actuación comezará ás 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber de Lugo, cuxo aforo ten prazas limitadas.