Os pianistas Luca Hauser e Elena Pérez Salas abrirán o luns no Paraninfo da Universidade o XIV Ciclo de Novos Intérpretes
Máis de trinta e cinco músicos galegos e residentes en Galicia daranse a coñecer ao público nos dez concerto que a Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza organiza coa colaboración da USC a través do XIV Ciclo de Novos Intérpretes. A inauguración deste ciclo celebrarase o vindeiro luns 16 a partir das 20.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) coa execución de Luca Hauser e Elena Pérez Salas ao piano de obras de Bach, Haydn, Schumann, García Abril, Chopin e Debussy. Como en edicións anteriores a entrada será de balde.
O ciclo estenderase ata o próximo mes de marzo coa música de cámara como protagonista a través dun amplo repertorio de instrumentos (piano, violín, clarinete, violoncello, saxofón,...), canto e grupos de cámara con combinación pouco habituais (dúo de violoncellos, trío de frautas, clarinete e piano, dúo de frautas,...).
O concerto inaugural do próximo luns 16 consta de dúas partes, co pianista Luca Hauser como protagonista do primeiro bloque. Con apenas 14 anos, fillo de músicos e alumno de Alexander Gold, xa foi galardoado en certames como o Concurso Antón García Abril 2010 e o Santa Cecilia da Fundación Don Juán de Borbón. Hauser abrirá o ciclo con obras para teclado do barroco Johann Sebastian Bach, do clásico Joseph Haydn, do romántico Robert Schumann e do contemporáneo aragonés Antón García Abril.
Seguiralle a luguesa Elena Pérez Salas, alumna de Severino Ortiz, Patricia Rejas e Nicasio Gradaille no Conservatorio Superior de Música de Vigo que atesoura experiencia en música contemporánea para piano, nesta ocasión interpretará un esixente programa dedicado a Robert Schumann, Frédéric Chopin e Claud Debussy.
Como vén sucedendo dende a súa primeira edición, o ciclo está especialmente dedicado aos máis novos intérpretes para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario, así como a achegar a música ao público máis novo. Doce anos de historia e máis de catrocentos participantes avalan a xa sólida traxectoria deste ciclo deseñado para a difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos seus nosos novos valores.