Ir o contido principal

Piano e trompeta acaparan as notas do segundo concerto do Ciclo de Novos Intérpretes

Tin Violetta, Roberto Bolaño Amigo e Ana Fernández Gayoso interpretarán a Bach, Chopin, Haydn, Aroutiounian e Ginastera

As pianistas Tin Violetta e Ana Fernández Gayoso e o trompetista Roberto Bolaño Amigo protagonizarán o luns 3 de febreiro o segundo concerto da nova edición do Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza. No Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, interpretarán pezas de Bach, Chopin, Haydn, Aroutiounian e Ginastera. Con entrada de balde, o concerto comezará ás 20.00 horas. Nada en Kazajistán hai 19 anos, Tin Violetta trasladouse a Vigo o pasado ano, despois de estudar durante seis anos na capital do seu país Astaná e no Conservatorio Superior de Música desta cidade. É alumna de Pablo Galdo e para este concerto preparou un variado programa formado por un Preludio e fuga de Bach, estudos para piano de Chopin e Scriabin e, para rematar, unha fantasía de Chopin. Na segunda parte será a quenda do trompetista compostelán de vinte anos Roberto Bolaño Amigo. Interpretará dous concertos de Joseph Haydn e Alexandre Aroutiounian para trompeta que permitirán ilustrar a variedade de recursos estilísticos deste instrumento. E para rematar o concerto, actuará a pianista Ana Fernández Gayoso, natural de Monforte de Lemos e actualmente estudante no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde é alumna de Nicasio Gradaille. O seu repertorio inclúe unha variada selección de obras entre as que se atopan Johann Sebastian Bach, Frédéric Chopin e o arxentino Alberto Ginastera. Coa colaboración da Universidade de Santiago, este certame alcanza a súa edición número dezaseis o que o converte no certame galego máis antigo en activo especialmente dedicado aos/ás máis novos/as intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario. Quince anos de historia e case cincocentos participantes avalan a sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos novos valores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2014.