Ir o contido principal

Piano e voz no último concerto do ciclo de Novos Talentos Musicais

Piano e voz no último concerto do ciclo de Novos Talentos Musicais
Piano e voz no último concerto do ciclo de Novos Talentos Musicais

Este sábado remata o ciclo Novos Talentos Musicais, que comezou no mes de febreiro e polo que pasaron 33 intérpretes agrupados en 26 formacións. O certame, que substituíu ao de Novos Intérpretes, está organizado pola Universidade de Santiago e Compostela Sound, que xa pensan na organización da nova edición dado o grande éxito desta primeira.

O broche final ao ciclo porano a pianista Marina Fernández Rueda e o dúo formado pola vocalista Marina del Carmen Penas Chaves e Rodrigo Portela Santaclara ao piano. Será este sábado 1 ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) con entrada libre.

O recital comezará con Marina Fernández, que interpretará o Carnaval de Viena op. 26 de R. Schumann, Morceaux Nº 2 de L. Boulanger, Estudio Op. 25, Nº 12 de Chopin e a Rapsodia Húngara Nº 11 de Liszt.

Marina, orixinaria de Béjar (Salamanca), estudou en Santiago e na actualidade no Conservatorio Superior de Coruña, o que compaxina con clases maxistrais en festivais internacionais. Desde 2011 é pianista federada da Banda municipal de Arca (O Pino) e gañou xa varios premios, entre eles o extraordinario ‘Trio Magrí’. Foi ademais a única española seleccionada no Concurso ‘Star of the Albion’ en Londres.

Voz e piano

A continuación, será a quenda da soprano Marina del Carmen Penas e o pianista Rodrigo Portela, que interpretarán pezas de música galega de Antón García Abril; as arias ‘Son pochi fiori’ da ópera L’amico Fritz de Mascagni e ‘Si mi chiamo mimi’ de La Bohème e ‘In quelle trine morbide’ de Manon Lescaut de Puccini. O recital rematará coa interpretación de pezas de música española de Granados, Barbieri, Sorozábal e Serrano.

Marina Penas (Vilagarcía de Arousa, 1984) ten o grao profesional de piano e de canto e o superior de Música nas especialidades de Canto e de Pedagoxía da Linguaxe e a Ensinanza Musical polo CSM de Vigo. Recibiu clases de prestixiosos mestres de canto, destacando Montserrat Caballé, Alicia Nafé ou Roberto Accurso. En 2015 gaña a Segunda Mención de Honra á Excelencia Musical da Xunta de Galicia e publica o seu primeiro disco titulado Cantos da Terra. Forma parte do cadro de reforzos do Coro Intermezzo do Teatro Real de Madrid e do Coro da Ópera de Oviedo.

Marina estará acompañada ao piano por Rodrigo Portela, licenciado polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e que colabora con numerosas agrupacións de diferentes estilos: música actual co obradoiro de composición do Conservatorio, concertos de fusión Bach-jazz, Proxecto Orquestral de Cangas ou Taller Atlántico Contemporáneo. Obtivo o segundo premio na XV International Piano Competition ‘Muzika be sienų’ celebrada en Lituania e o X premio á excelencia musical da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2017.