Pilar Cagiao, nomeada académica correspondente no estranxeiro da Academia de Historia de Cuba
A profesora de Historia de América da USC e coordinadora do grupo de investigación HistAmérica, Pilar Cagiao, acaba de recibir o nomeamento de académica correspondente no estranxeiro da Academia de Historia de Cuba. Este recoñecemento está motivado pola longa traxectoria da profesora da USC nos estudos migratorios e de xénero entre Galicia e América Latina e, nomeadamente, Cuba. Ademais, tamén se distinguen os intensos vínculos de Pilar Cagiao e a súa produción académica coa historiografía cubana dende fins dos anos oitenta.
O recoñecemento tivo lugar nun pleno extraordinario e contou cun discurso de acollida de María del Carmen Barcia Zequeira, ela mesma de orixe galega e unha das máis recoñecidas historiadoras cubanas no plano internacional. Cómpre sinalar que é a primeira ocasión en que a Academia de Historia de Cuba entrega este recoñecemento a unha historiadora galega, o que pon de relevancia a destacada achega desta investigadora á historiografía cubana e ao intercambio académico entre ambos lados do Atlántico.
Neste acto, a profesora estivo arroupada por Sergio Guerra Vilaboy, director do Departamento de Historia da Universidade de La Habana, e numerosos historiadores e historiadoras cubanas cos que Pilar Cagiao mantivo unha estreita colaboración académica nas últimas décadas.