Un dos pioneiros da Teoría de Cordas, Gabriele Veneziano, abrirá a primeira edición da Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
O físico italiano Gabriele Veneziano, autor do primeiro artigo científico da historia sobre a Teoría de Cordas, abrirá o luns 12 o programa de actividades da Semana da Ciencia que organiza o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). No auditorio Abanca (r/ Preguntoiro, 23) a partir das 20.00 horas, Grabiele Veneziano rememorará os 50 anos da publicación do traballo polo que está considerado un dos pais desta teoría da Física coa conferencia ‘Teoría de cordas: vida, morte e milagres’. Na súa intervención, aberta ao público en xeral e con tradución en tempo real, contará a historia e explicará os conceptos básicos deste modelo fundamental na física moderna.
Esta será a primeira das diversas actividades que os IGFAE ten previsto desenvolver entre os días 12 e 16. As seguintes citas serán unha edición monográfica de Nerd Nite co lema ‘Especial Teoría de Cordas’, a celebrar o martes 13 a partir das 21.00 horas na Nave de Vidán e a charla de Hans Bantilan sobre ‘ Buratos negros’ para estudantes de física, o mércores 14 na Aula Magna da Facultade de Física a partir das 20.00 horas.
Xa o xoves 15 será a quenda do I Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, nunha sesión a partir das 18.00 horas na que se resolverá a competición de monólogos científicos e se entregarán os premios das categorías de artigos e experimentos, demostracións ou aplicacións móbiles. De xeito paralelo, entre os mércores 14 e o venres 16 desenvolverase un ‘Curso de Comunicación Científica’ a cargo de Eduardo Sáenz de Cabezón e Héctor Urién para o que é preciso realizar inscrición previa e que está dotado cunha carga lectiva de 13 horas.
Ademais destas actividades, persoal investigador do Instituto impartirá esta semana e en datas próximas conferencias en distintos centros de ensino secundario de toda Galicia para dar a coñecer a actividade que se desenvolve no IGFAE.