O Plan de Desenvolvemento Sostible da USC reforza a campaña de recollida de móbiles en todos os centros docentes
A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, rematou xa a distribución de caixas con bolsas individuais con franqueo pagado para a recollida de móbiles naqueles centros docentes onde non existía contedor específico para a recollida deste residuo. O usuario que utilice estas bolsas para doar o seu móbil só terá que introducilo na bolsa, pechala e depositala nunha caixa de correos.
Ata agora a USC dispoñía de sete contedores localizados no Campus Norte (Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Historia), Campus Sur (Facultades de Química e Matemáticas e Escola de Óptica), Campus de Lugo (Escola Politécnica Superior e Escola Universitaria de Formación do Profesorado) e na Casa da Balconada, nos que o interesado depositaba sen máis o seu móbil. Agora, coa nova modalidade de envío con franqueo pagado da campaña ‘Doa o teu móbil’, será posible atopar caixas con bolsas individuais no resto dos centros docentes, nas bibliotecas Concepción Arenal, Intercentros e Xeral e na Casa da Balconada.
A campaña ‘Doa o teu móbil’, na que a USC colabora coas organizacións Cruz Vermella, Fundación Entreculturas, ALBOÁN e a empresa CMR, busca darlle unha nova utilidade social aos teléfonos móbiles en desuso ou que xa non funcionen mediante a súa venta, ao mesmo tempo que se colabora no respecto ao medio ambiente.
Unha vez depositados nos contedores específicos, os aparellos son recollidos e xestionados pola empresa CMR. Os que aínda son de utilidade no mercado de segunda man se reutilizan, contribuíndo economicamente coas organizacións mencionadas a través de doazóns acordes aos prezos de mercado dos móbiles xa usados. Os disfuncionais ou desfasados recíclanse, recuperándose os seus compoñentes segundo procedementos regulamentarios respectuosos co medio ambiente.