O Plan Estratéxico da Biblioteca Universitaria guiará o labor deste servizo ao longo dos vindeiros catro anos

Os usuarios, a xestión e calidade, e a cooperación, proxección e compromiso social son os tres eixos do Plan Estratéxico que guiará a actividade da Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) ao longo dos vindeiros catro anos (http://busc.usc.es/). Recentemente aprobado polo Consello de Goberno da institución académica, este plan “é unha folla de ruta na que a Biblioteca inscribirá a súa actividade”, sinala a directora deste servizo, Mª Isabel Casal, vertebrado en doce obxectivos estratéxicos e trinta e tres accións establecidas a partir da análise da situación actual da BUSC e das tendencias no contorno universitario e bibliotecario. Con esta iniciativa a BUSC establece como aspiración fundamental “afirmarse como servizo estratéxico da USC”, engade Mª Isabel Casal para explicar que a Biblioteca é un servizo que colabora co todas as fontes da Universidade, mesmo podendo chegar a actuar como “imán de futuros alumnos e investigadores”. Neste senso, a directora apela ao rol de cohesión e sociabilidade que a Biblioteca pode desenvolver na comunidade universitaria, sen esquecer o papel de apoio á propia xestión da institución. Eixos temáticos O contido do plan está vertebrado en tres eixos temáticos, o primeiro deles dedicado especificamente aos usuarios, co acento posto en alumnos e PDI fundamentalmente. Nesta dimensión para a BUSC é un “obxectivo estratéxico recoñecer o papel renovado do persoal bibliotecario como formador que contribúe a capacitar ao estudantado a ser autónomo na xestión de información, o que, a súa vez, redundará no seu mellor desenvolvemento profesional”, apunta a responsable do servizo. Ademais, a Biblioteca debe potenciar a colaboración coa comunidade docente ofrecéndolle novos e mellores recursos, facilitando e fomentando o seu acceso e ofertando asesoramento, sa sexa presencial ou virtual. Deste xeito, traballaríase na difusión e visibilización da produción científica e investigadora da USC e do seu patrimonio bibliográfico, ao tempo que se mellora a comunicación, cooperación e coordinación co PDI. No relativo ao binomio ‘Xestión e calidade’, segundo dos eixos, preténdese poñer á énfase no compromiso da BUSC coa mellora continua e a xestión responsable, eficaz e eficiente dos seus recursos, con especial atención á súa propia organización e ás persoas que nela traballan. O deseño e implantación dun modelo organizativo acorde coa súa misión, a motivación das persoas que traballan nela, a formación e desenvolvemento profesional do persoal ou o impulso dunha política de igualdade, son algúns dos obxectivos fixados neste eido. Finalmente, o terceiro dos eixos está centrado na cooperación, a proxección e o compromiso social coa finalidade de incrementar a coordinación e colaboración con outros servizos da Universidade e afianzar a cooperación bibliotecaria nos planos local, autonómico, nacional e internacional. Tamén se pretende afianzar o compromiso social da BUSC potenciando a súa relevancia e identidade galega e contribuír ao desenvolvemento educativo e cultura da sociedade.
En conxunto, con este Plan Estratéxico a Biblioteca agarda incrementar o uso da información de todos os ámbitos da vida universitaria, ao tempo que se aspira a flexibilizar a organización do servizo e asumir novos roles dentro da Universidade.