Ir o contido principal

Unha planificación cultural acaída permitiría visibilizar a riqueza patrimonial das vilas históricas de Galicia, di unha investigadora

Ana Mesía López. Foto: RQ
Ana Mesía López. Foto: RQ
Ana Mesía defende na súa tese o potencial dos conxuntos históricos de Galicia e ve o cobro de entradas clave para a conservación patrimonial

Galicia conta cun gran número de puntos de interese para os turistas. A catedral de Santiago ou a Torre de Hércules, de A Coruña, parecen visitas obrigadas para todo aquel que pisa a terra galega por primeira vez. Pero, que hai máis alá das grandes cidades? A esta cuestión trata de dar resposta a investigadora da USC Ana Mesía López na tese de doutoramento ‘O potencial turístico dos conxuntos históricos de Galicia. Vilas e pobos’ que presentou na Facultade de Historia. Nela, a investigadora explica que Galicia se centra máis en atraer visitantes que en ampliar a súa oferta de recursos turísticos e optimizar a súa xestión. “Noutros lugares con moito menos patrimonio, fan o dobre”, indica.

Na súa investigación de doutoramento, dirixida polo profesor da USC Juan Manuel Monterroso Montero, Mesía López analiza o potencial turístico de dezaseis vilas de Galicia habitualmente excluídas dos habituais circuítos turísticos da comunidade. “Quen quere ir a Betanzos tendo A Coruña ao carón? Ou a Padrón, con Santiago tan preto?”, expón a investigadora.

Esta investigación seleccionou, pola súa declaración de ben de interese cultural na categoría de conxunto histórico, catro vilas de cada provincia galega: Pontedeume, Betanzos, Padrón e Muros, da Coruña; Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo e Monforte de Lemos, de Lugo; Castro Caldelas, Allariz, Celanova e Ribadavia; de Ourense; e Combarro, Cambados, Baiona e Tui; de Pontevedra. Estas localizacións, con gran potencial no turismo cultural, ofrecen unha experiencia diferente, con máis tranquilidade e goce da paisaxe cultural, sinala Mesía. Ademais, dá a coñecer espazos e bens patrimoniais que habitualmente pasan desapercibidos nas visitas turísticas.

Ampliar a área turística O primeiro paso das súas pescudas foi analizar a contextualización histórica, xeográfica e social de cada unha das cidades. Daquela, na súa tese Ana Mesía analiza, entre outros indicadores, as afiliacións ao sector servizos, vencelladas ao turismo e ao comercio que dá idea do índice de terciarización da cidade como indicador do incremento do turismo. Coa chegada dos novos visitantes, as cidades cambian, xa sexa na evolución dun modelo de comercio máis tradicional ata outro máis impersoal pensado nos turistas, como na convivencia cos habitantes locais.

A investigadora deseña unha área turístico-patrimonial co obxectivo de visibilizar outros bens do patrimonio que xeren movemento de turistas cara aos concellos inmediatos ás cidades históricas analizadas. A finalidade é a creación dunha área de turismo cultural máis ampla e non soamente nos puntos clave que sempre visitan. Un exemplo é a área de Ribadavia, na que Ana Mesía incluíu puntos de interese nun radio de 20 quilómetros ao redor, o que levaría os turistas ata Igrexa de San Xes de Francelos, o mosteiro do Concello de Melón, o castro de San Cibrao de Las, no Concello de San Amaro, o templo da Veracruz do Carballiño e o mosteiro de Oseira, no Concello de San Cristovo de Cea.

A doutora critica o camiño cara a un modelo de turismo sen calidade, no que “parece que todo vale con tal de que haxa visitantes”, afirma. A conservación do patrimonio sempre debe prevalecer fronte aos intereses económicos, engade esta investigadora, para quen unha posible solución pasa por crear unha corrente de dobre sentido; isto é, atraer visitantes que xeren fondos e que este diñeiro sexa empregado para conservar o patrimonio que visitan de forma sostible.

Para acadar este obxectivo, Mesía ve acaído cobrar por entrar en lugares turísticos. “Esta práctica é habitual na meirande parte de lugares patrimoniais de España e Europa, e non entendo como en Galicia non se establece un sistema de entrada en monumentos”, explica a doutora, quen tamén recoñece a singularidade da catedral de Santiago por tratarse dun templo de peregrinación ao que a accesibilidade debería estar garantida.

Máxima cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Ana Mesía estivo presidido polo catedrático de Historia da Arte da USC, José Manuel García Iglesias. O profesor titular de Historia da Arte da Universidade Pablo de Olavide Francisco Ollero Lobato, e María del Pilar García Cuetos, catedrática de Historia da Arte da Universidade de Oviedo, completaron o xurado. A autora da tese de doutoramento obtivo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2018.