A Planificación de Profesorado para 2024 aposta pola renovación, estabilización e promoción do cadro docente
As Bases para a elaboración da Planificación de Profesorado 2024 na USC continúan avanzando na renovación do cadro docente a través da contratación de profesorado axudante doutor en áreas especialmente avellentadas que teñan, ademais, unha previsión de déficit estrutural a cinco anos. O documento aprobado este xoves 23 polo Consello de Goberno da Universidade garantirá unha dotación estrutural suficiente das diferentes áreas de coñecemento, de xeito que estas poidan desempeñar axeitadamente as súas funcións, tanto no ámbito da docencia coma no da investigación. A Planificación 2024 tamén busca reducir a contratación temporal, así como ofrecer posibilidades de estabilización e de promoción ao profesorado acreditado. Esta folla de ruta “garantirá a viabilidade económica da institución mediante unha planificación prudente e rigorosa”.
No capítulo de profesorado, o Consello de Goberno tamén deu luz verde á planificación complementaria 2023 da Proposta de actuacións en materia de PDI na que se actualiza a cifra final de baixas na institución, a cal ascendeu a 61 docentes. Esta Planificación complementaria atende as necesidades creadas como consecuencia das xubilacións non contabilizadas inicialmente, así como outras situacións sobrevidas. En total, o documento contempla a creación e convocatoria de 19 prazas de profesorado axudante doutor, a reposición de 11 prazas de profesorado non permanente que quedaron vacantes por renuncia ou cesamento dos seus ocupantes, e dáse conta da próxima convocatoria das prazas que quedaron desertas despois da resolución dos concursos correspondentes á Planificación 2023, cinco prazas de profesorado axudante doutor e dúas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde.
As restante cuestións tratadas neste ámbito foron o acordo do Consello de Goberno sobre substitución de membros das comisións de selección de prazas de profesorado en casos de existencia de causas de abstención e conflito de intereses previstas no Regulamento de selección de profesorado da USC, a proposta ao Consello Social de complementos retributivos autonómicos e a proposta de modificación do anexo II do regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC.
Alianza
O Observatorio do Dereito á Alimentación en España aspira a dotarse de personificación
xurídica mediante a creación dunha asociación entre universidades públicas españolas e outros centros de investigación que veñen compartindo a mesma vocación por xerar evidencias, coñecemento e capacidades, para formular, implementar e/ou monitorear políticas públicas e lexislacións que garantan o dereito humano á alimentación. A USC sumarase tamén, logo do acordado no Consello de Goberno, a esta iniciativa que xira arredor dunha alimentación xusta, sustentable, equitativa e saudable en España.
Titulacións
A aprobación dos parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG- curso 2024/2025 foi outra das cuestións tratadas en materia de titulacións xunto coa modificación do Regulamento de Planificación Académica, a adscrición funcional das materias das titulacións de grao e mestrado ás áreas de coñecemento do curso 2024/2025, a modificación do Regulamento de Estudos Propios da USC, a aprobación de memorias de estudos propios e do Regulamento de TFG do Grao en Bioquímica.
Outros asuntos
O Consello tamén tratou a modificación dos regulamentos de xestión e uso de espazos e de Publicidade Institucional Activa, así como a Oferta de Emprego Público complementaria de estabilización extraordinaria do PAS para o ano 2023 e a transformación da cátedra institucional do ‘Pan e do Cereal’.