Unha plataforma de monitorización domiciliaria a través do móbil deseñada na USC ensaiase con pacientes afectados por insuficiencia cardíaca
A plataforma Servando, un sistema de monitorización domiciliaria de pacientes con enfermidades cardiopulmonares desenvolvido por investigadores do CiTIUS, acaba de entrar en fase de validación (o último paso antes da súa incorporación á industria). Un ensaio clínico desenvolvido en colaboración co grupo de Cardioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que conta coa participación de pacientes do Servizo de Cardioloxía e Unidade de Cardiopatías Conxénitas (UCC) da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, permitirá ratificar esta nova tecnoloxía como ferramenta para o seguimento remoto de pacientes crónicos a través de teléfonos móbiles intelixentes (smartphones). O estudo centrarase en persoas con insuficiencia cardíaca e conta co apoio de R, o operador de comunicacións por fibra óptica. A compañía galega cedeu os terminais habilitados coa tecnoloxía sen fíos que se usará nas probas (wi-fi ou datos móbiles), e xa estuda a incorporación desta nova plataforma á súa estratexia de “fogar dixital”. Servando persegue mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por trastornos de orixe cardiopulmonar, co obxectivo de reducir o número de hospitalizacións. A incidencia social deste tipo de patoloxías require dos sistemas nacionais de saúde unha elevada asignación de recursos, polo que se estima que o uso das novas tecnoloxías será clave á hora de garantir a calidade asistencial dos pacientes. O proxecto está dirixido polo investigador do CiTIUS Paulo Félix, e o seu potencial no ámbito socioeconómico mereceu xa o recoñecemento do Comité Externo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que o seleccionou para participar no Acelerador de Transferencia. Esta iniciativa, xestionada dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC pretende reducir a fenda existente entre os resultados finais das investigacións científicas e as demandas concretas do tecido empresarial, facilitando así o proceso de transferencia tecnolóxica. Preto de dous millóns de persoas morren cada ano en Europa como consecuencia dalgún tipo de afección cardíaca. As enfermidades cardiovasculares disparan a taxa de mortalidade nos países desenvolvidos, constituíndo a primeira causa de falecemento nos EEUU e o continente europeo.