Ir o contido principal

O pleno da Comisión Académica Sectorial da Universidades Españolas reuniuse na USC

O Pleno de CASUE reuniuse no CEA. Foto: Alfonso-Servimav
O Pleno de CASUE reuniuse no CEA. Foto: Alfonso-Servimav

O pleno da Comisión Académica Sectorial das Universidades Españolas (CASUE) reuniuse este martes 9 na Universidade de Santiago para celebrar unha xuntanza ordinaria que contou coa participación do secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Federico Morán. Morán realizou unha análise do documento de expertos promovido polo Ministerio sobre a situación da universidade española. Na súa opinión, “en contra do que moitos pensan, a universidade española non está na UVI”, aínda que necesita adaptarse ao contorno cambiante actual, engadiu. Neste senso, o secretario xeral lembrou que España se atopa no noveno posto da produción científica mundial e que o 70% da investigación española xorde nas universidades, o que valora como unha evidencia de que “nas institucións universitarias se fai boa investigación”. Morán trasladou esta mesma valoración á docencia, en virtude do prestixio que os titulados españois teñen noutros países, e apelou á renovación continua e á dotación de instrumentos como formas de progresar. O secretario xeral de Universidades tamén introduciu na orde o día un punto relativo á inscrición dos títulos propios no Rexistro de Universidades, Centro e Títulos. Outras cuestións abordadas nesta xuntanza foron a situación dos expedientes dos planos de xubilación no Tribunal de Contas ou a aprobación do regulamento de CASUE, ademais da exposición realizada polo director xeral do Portal Universia, Pedro Aranzadi, sobre a situación actual dos Cursos Online Masivos e en Aberto (MOOC’s). Esta xuntanza do Pleno da CASUE tamén serviu de despedida do reitor Josep Joan Moreso Mateos como presidente desta Comisión Académica, quen agradeceu a acollida da Universidade de Santiago logo das sesións celebradas nas universidades Pompeu Fabra, do País Vasco e de Granada. Pola súa banda, reitor Juan Casares se dirixiu no inicio da sesión aos representantes das universidades participantes neste pleno para agradecer a súa presenza no encontro. De esquerda a dereita, Josep Joan Moreso, Juan Casares e Federico Morán. Foto: Alfonso-Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2013.