Ir o contido principal

O Pleno do Consello Social da USC reúnese este mércores

O Pleno do Consello Social da USC reúnese este mércores

O Pleno do Consello Social da USC reunirase este mércores, día 23, en sesión ordinaria nunha xuntanza a celebrar no seu Salón de Plenos (Casa da Concha, rúa da Conga, 1) a partir das 17:00 horas.
O informe sobre a modificación da Relación de Postos de Traballo do PDI no referido a prazas de profesorado e cambios de dedicación, as condicións para a transformación dos contratos dos profesores contratados doutores; a aprobación tanto das taxas dos cursos de Posgrao Propio como dos prezos de aloxamento no SUR e dos estudos de Especialización en Avogacía, Procuradores e Prácticas Xurídica, son algúns dos asuntos a tratar por este órgano de goberno universitario.
Na xuntanza someterase ademais a aprobación a designación do conselleiro Francisco Vázquez como representante do Consello Social no padroado da Fundación Dieta Atlántica, así como de dous membros do Consello Social que tamén o sexan do Consello de Goberno para que formen parte das Comisións delegadas de Asuntos Económicos e de Calidade e Planificación. Tamén se tratará a participación da USC na Fundación do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia.
Entre outra orde de cousas, na reunión revisaranse os criterios para a distribución das bolsas de colaboración do MEC para o curso académico 2007-08 destinadas a iniciar nas tarefas de investigación aos alumnos do último curso de segundo ciclo que presten a súa colaboración en réxime de compatibilidade coa seus estudos nun departamento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2022.