Pleno dos equipos de Sarria, Guitiriz e Lugo na VIII D3Mobile Metrology World League
O equipo Espectáculo visual, do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, vén de proclamarse gañador da oitava edición do D3Mobile Metrology World League, un campionato científico de escaneado 3D de precisión con tableta/teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación CIGEO da USC e que conta con financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, a Sociedade Internacional de Fotogrametría e Teledetección e a Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sustentable (BioReDes). Outro equipo lugués, neste caso do IES Poeta Díaz Castro de Gutiriz, proclamouse subcampión da última edición desta experiencia educativa dirixida a novas promesas STEM, que contribúe a que os novos estudantes adquiran diversas habilidades do século XXI mediante o escaneado 3D de precisión.
Tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 29 equipos que alcanzaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos Pablo López Capón e José Manuel López Novo, coordinados pola profesora Ana Belén Lamas Lombao. Na segunda proba, estes estudantes de Sarria elaboraron un modelo 3D dunha figura de cerámica mentres na terceira proba, conseguiron un erro medio inferior a 0,09 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior. Os guitiricenses Juan López Fernández, David Sanmiguel Vázquez e Cristina Calvo Roca, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, pola súa banda, escanearon en 3D o modelo anatómico dun cranio humano e conseguiron un erro medio inferior a 0,1 mm.
Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo dunha figura da muralla de Lugo escaneado en 3D, do equipo 3D-Muralla, do IES Muralla Romana de Lugo, formado polos alumnos Adrián Rego López e Alejandro Muñoz, coordinados pola profesora Marta Goy López.
Fomento das competencias do século XXI
O equipo da categoría de metrólogos máis votado polo público de todo o mundo foi o do IES Montes das Moas da Coruña formado polos alumnos Jorge Rifón Branco e Iago Mosquera Villegas, coordinados pola profesora Conchi Fernández Munín. Este equipo logrou dar a coñecer o seu modelo 3D dunha cunca de iogur para que obtivese gran cantidade de votos. Deste xeito, durante as votacións, os equipos finalistas difundiron a USC, o Campus Terra e as titulacións impartidas na EPS de Enxeñaría entre todo o público do campionato.
Difusión do labor científico de BioReDes
A presente edición do campionato contou cun premio para difundir o labor da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes. Os equipos candidatos debían seleccionar un obxecto representativo dos resultados de investigacións desenvolvidos polos grupos científicos da agrupación e incluír na escena o seu logotipo. Os gañadores foron os integrantes do equipo Tiquiticenses, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, formado polos alumnos Juan Buján Aparici e Iria Rodríguez Carreira, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, cun modelo 3D dun sombreiro de palla, relacionado co Grupo Agronomía e Ciencia Animal GI-1649 da agrupación, que coordina o profesor Santiago Pereira Lorenzo, e investiga variedades de cereais autóctonos para a elaboración de produtos tradicionais.
Difusión do labor científico da USC
O VIII D3Mobile contou tamén cun premio para difundir o labor científico da USC, un galardón que recaeu no equipo Deltasquad: Formation, do IES Monte das Moas, formado polos alumnos Álex Huerga Candeas, Adrián Janeiro Conde e Xurxo García Lamela, coordinados pola profesora Conchi Fernández Munín, co modelo 3D dunha árbore feita con varias pezas unidas de madeira contrachapada cortadas cun CNC láser, relacionado coa investigadora María Portela Barral, da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade).
Mulleres científicas/tecnólogas na arquitectura e enxeñaría
O premio D3MOBILE-FUNDACIÓN MULLERES, ao que optaban aqueles equipos que seleccionasen para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica/tecnóloga de éxito nos campos da enxeñaría e/ou a arquitectura, foi parar a mans do equipo de Guitiriz Miguelanxinos, subcampión dos metrólogos, cun modelo 3D dunha pequena pila de pedras en equilibrio, en homenaxe a María Dores Norte Gómez, a primeira muller enxeñeira de Minas de España.
Gañadores de Galicia e de Lugo
O gañador do premio ao mellor equipo de mozos metrólogos galegos, outorgado pola Xunta de Galicia, foi parar, por terceiro ano consecutivo, ao IES da Pobra do Caramiñal. Así, o equipo coordinado pola profesora Margarita Saborido Ojea e formado polos alumnos Iris Moledo Muñiz, Noelia Linares Boo e Pablo Pérez Noceda, acadaron este galardón logo de escanear unha lata de conservas. O mellor clasificado da provincia de Lugo foi o equipo do IES Xograr Afonso Gómez formado por Carla López Celeiro e Estefanía López Valladares, coordinado pola profesora Ana Belén Lamas Lombao. Estes participaron escanearon en 3D unha figura dun volcán. Os membros deste equipo recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.
Entrega de premios do D3Mobile2020
A oitava edición do D3 Mobile Metrology World League, na que colaboran o Centro Español de Metrología (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), chegará ao seu clausura xa en setembro, co acto de entrega de premios aos equipos galardoados