Ir o contido principal

A Politécnica acolle este venres a clausura do IV Máster en Enxeñaría da Madeira e premia os mellores proxectos

Os alumnos deste posgrao da USC pasarán a formar parte dun rexistro de profesionais especializados en construción en madeira promovido por Confemadera Hábitat Galicia

A Universidade de Santiago de Compostela celebrará este venres, a partir das 18.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, o acto de clausura da cuarta edición do Máster en Enxeñaría da Madeira, un posgrao propio da USC que conta con financiamento da Confederación de Empresarios da Madeira Confemadera Hábitat Galicia e que nos últimos catro anos posibilitou que 130 arquitectos e enxeñeiros acadaran unha formación especializada en estruturas de madeira.

O vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil Rego, presidirá este acto académico, no que tamén estará presente o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, o presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, e o catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e director do máster, Manuel Guatia. Os promotores deste posgrao aproveitarán a cerimonia académica de clausura do IV Máster en Enxeñaría da Madeira, no que participaron 25 alumnos, para proceder á entrega de premios aos catro mellores proxectos presentados polos estudantes, uns galardóns outorgados por un xurado independente integrado por profesionais e que contemplan un premio en metálico de 300 euros para cada galardoado. O director do Máster en Enxeñaría da Madeira da USC, Manuel Guatia, salienta a súa satisfacción pola alta demanda rexistrada nestes anos neste posgrao propio da USC, así como polo bo desenvolvemento das distintas actividades formativas programadas. Guaita adiantou asemade que a Universidade de Santiago de Compostela xa ten aberta a inscrición para a quinta edición deste máster, para o vindeiro ano se ofertan 30 prazas, na páxina web http://www.usc.es/pemade/castellano/aula/master.html. Como novidade, os/as matriculados/as recibirán o 50% das clases teóricas a través de formación en liña, na plataforma Adobe Connect, que permite conectarse coa clase desde un ordenador persoal, tableta electrónica ou teléfono móbil. Outra das novidades que contribuirá a reforzar o interese do Máster en Enxeñaría da Madeira ofertado pola USC é o proxecto xa adiantado polo presidente de Confemadera Hábitat Galicia de promover a elaboración dun rexistro de profesionais especializados en estruturas de madeira cos alumnos matriculados neste máster. “O obxectivo que se busca coa creación deste rexistro é facilitar o contacto dos titulados coas empresas do sector que demanden estes perfís profesionais para desenvolver proxectos en madeira”, dixo Elier Ojea, que defende que “non hai límites para a construción en madeira”. O Máster en Enxeñaría da Madeira, o único posgrao existente na universidade española centrado nas posibilidades da madeira como material de construción, ten orientado nestes anos os seus contidos ás necesidades de formación do alumnado, así como á crecente sensibilidade social pola construción sostible, segundo subliña o director do posgrao, Manuel Guaita. Este profesor da USC salienta asemade que “ningún material de construción pode ofrecer as prestacións económicas, sociais e medio ambientais que ofrece a madeira”. Guaita sostén neste senso que Galicia debe apostar por la construción en madeira, para o que cómpre por en marcha a cadea produtiva do monte galego. Nove universidades e 62 profesores O cadro docente do Máster en Estruturas de Madeira está formado por 62 profesores de perfil académico, investigador e profesional. Os docentes académicos proceden das universidades de Santiago de Compostela, Politécnica de Madrid, Vigo, Valladolid, A Coruña, Oviedo e Estremadura. O programa tamén inclúe profesorado internacional das universidades de Campinas (Brasil) e Trento (Italia). A formación ofertada neste posgrao complétase con profesores dos centros tecnolóxicos da madeira de referencia en España como CIS Madeira, CETEMAS, AITIM e INIA, xunto con outros profesionais da arquitectura e a enxeñaría, e empresas do sector da madeira.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2013.