Ir o contido principal

A Politécnica inaugura este mércores unhas xornadas de orientación laboral

Os días 4 e 5 de marzo no Campus de Lugo

A Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo acolle este mércores 4 as ‘Xornadas de orientación laboral: A consecución dun emprego’, que o vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Carlos Herrero, inaugurará ás 10:00 horas, no Salón de Actos do centro, acompañado do director da EPS, Javier Bueno.
A conferencia inaugural, ‘O éxito de inserción das nosas titulacións’, correrá a cargo do director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Julio Ernesto Abalde, ás 10:15 horas. Ás 11:00 horas, está prevista a intervención da técnica da área de Orientación e Inserción Laboral da USC Teresa Hermo López que falará sobre as ‘Ferramentas e métodos para a busca de emprego’. Tras unha breve pausa, a sesión matinal retomarase ás 12:30 horas cun relatorio da vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro, sobre ‘Mobilidade por Europa. Programa Europeo Leonardo da Vinci. Euro Practicum IV’. A continuación, ás 13:30 horas, un representante de COGAMI falará sobre os recursos específicos para persoas con discapacidade.
Pola tarde, os relatorios estarán dirixidos a estudantes de Enxeñaría Técnica Forestal e Enxeñaría de Montes. Así, ás 16:30 horas haberá unha mesa redonda sobre os perfís profesionais que demandan as empresas con representantes de Tablicia, Aidema, Gimena Ingeniería e E-sostible. Ás 18:00 horas, antigos alumnos e traballadores achegarán as súas experiencias profesionais.
A xornada do día 5 estará dirixida a estudantes de Enxeñaría Técnica Agrícola e Enxeñaría agrónoma. A asistencia ás sesións é gratuíta e os asistentes que desexen un certificado deberán inscribirse na conserxería da EPS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2009.