Ir o contido principal

Políticas urbanas, vivenda e vulnerabilidade, a análise nun seminario en Dereito

Políticas urbanas, vivenda e vulnerabilidade, a análise nun seminario en Dereito
Políticas urbanas, vivenda e vulnerabilidade, a análise nun seminario en Dereito

Como dar solución ao problema da falta de vivenda asequible é o principal obxectivo da xornada que terá lugar este xoves 25 na Facultade de Dereito e que se encadra nas liñas de investigación do grupo ARMELA sobre dereitos sociais e igualdade.

Sendo esta unha cuestión que está no centro do debate público (novo Plan Estatal de Vivenda, Sentencias do Tribunal Constitucional, persoas sen teito, vivenda turística...) no seminario abordaranse cuestións como a regulación da función social da propiedade das vivendas baleiras, as reservas para vivendas asequibles, a zonificación de uso turístico ou a rehabilitación de inmobles para atender a emerxencia social. Falarase tamén das técnicas e competencias municipais de intervención nestes eidos así como das novas propostas de desenvolvemento urbanístico sustentable.

Dirixido pola profesora de Dereito Administrativo Alba Nogueira, no seminario ‘Políticas urbanas, vivenda e vulnerabilidade social’ participará persoal experto tanto do mundo académico como do institucional e do tecido social, o que permitirá ofrecer perspectivas diversas das dificultades e posibles solucións para a garantía do dereito constitucional de acceso á vivenda.

O seminario procura a posta en común do coñecemento de representantes de diferentes eidos coa fin de facilitar o intercambio científico entre os especialistas académicos, a Administración e os interlocutores sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2018.