Pomar cifra en 3,9 millóns a inversión da Xunta no Campus Terra da USC
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou este martes a Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da USC, onde puido comprobar o “éxito” do novo título de grao en Robótica que vén de poñerse en marcha este curso 2019-2020 con alta demanda por parte do alumnado. Acompañada das vicerreitoras de Coordinación do Campus de Lugo e de Organización Académica da USC, Montserrat Valcárcel e Celia Besteiro, respectivamente, así como do Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a titular de Educación salientou a aposta da administración autonómica polos campus de especialización no SUG, como o proban os 3,9 millóns de euros xa comprometidos pola Xunta o Campus Terra da USC, ao tempo que adiantou que este este mércores comeza o proceso para a implantación de graos universitarios abertos o vindeiro curso 2020-21 nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) coa apertura do prazo de presentación de propostas, un período que rematará o 31 de xaneiro de 2020.
O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, e o coordinador do grao en Robótica, Roberto Iglesias, ademais doutros profesores do centro universitario lugués, tamén acompañaron á conselleira na súa visita á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, na que a propia Carmen Pomar tivo a ocasión de comprobar co alumnado a boa marcha do grao de Robótica, “un título moi ben acollido por parte do estudantado e que cubriu as 50 prazas ofertadas”.
A posta en marcha do novo título de grao de Robótica acaparou parte das inversións realizadas este exercicio pola Xunta na sede universitaria luguesa, segundo lembrou a propia titular de Educación. Carmen Pomar comentou destacou neste senso o apoio da Xunta de Galicia aos campus universitarios non centrais como o Campus Terra de Lugo, no que a Consellería de Educación leva investidos uns 3,9 millóns de euros desde que se puxo en marcha en 2015. Esta partida, que xa contempla os 700.000 euros consignados entre este e o próximo ano 2020, permite, entre outras accións, a adecuación e a dotación de equipamentos dos laboratorios do Grao de Robótica, así como modelos de simulación para a Facultade de Veterinaria, axudas ao Rof Codina e os labores de asesoría para o Campus de Especialización, relatou. A conselleira lembrou asemade que xa está aberto o procedemento para a acreditación dos campus de especialización, unha aposta da Consellería polo impulso da investigación universitaria e a mellora da calidade da docencia.
A apertura do prazo de presentación de propostas de títulos de graos abertos para a súa implantación no SUG durante no curso 2020-21 foi outra das mensaxes lanzadas por Carmen Pomar en Lugo. A conselleira, lembrou que as universidades dispoñen de prazo ata o 31 de xaneiro para facerlle chegar as súas propostas á Consellería, concretamente á Secretaría Xeral de Universidades, que será o órgano encargado de avalialas para a súa aprobación e elevación á Conferencia General de Política Universitaria.
Con esta iniciativa novidosa en Galicia, a Consellería de Educación busca por unha banda incrementar a flexibilidade nos estudos universitarios e ampliar as posibilidades de elección do alumnado ao tempo que se pretende reducir as taxas de abandono ou de cambio de estudos nos primeiros anos de vida universitaria. “Damos un importante e novidoso paso ao servizo das nosas universitarias e universitarios, xa que no vindeiro curso van ten a posibilidade de cursar durante un tempo unha titulación combinada antes de escoller a que consideren que mellor responde aos seus intereses”, sinalou Carmen Pomar.
Requisitos
Entre os requisitos que deben cumprir as propostas presentadas está que cada programa de grao aberto debe combinar materias de como mínimo tres graos que deben pertencer á mesma rama de coñecemento. O número de prazas ofertadas por cada grao aberto será dun máximo de 25. As universidades deberán garantir que o alumnado matriculado nestes programas poidan cursar un máximo de 90 créditos; ofrecerlles un proceso continuo de titorización e mentorización; e recoñecerlles a maioría dos créditos cursados no grao finalmente elixido.
Para acceder aos graos abertos, o alumnado deberá contar cunha nota de acceso como mínimo, igual á máis alta de todas as titulacións de grao integradas no programa (como referencia empregaranse as notas de corte desas titulacións no presente curso académico 2019-20). Na proposta que deben facer chegar as universidades á Secretaría Xeral de Universidades deberá figurar a denominación do grao aberto, a rama de coñecemento, os centros responsables da impartición das materias do programa, a duración do programa, os requisitos de acceso, o número de prazas ofertadas e de créditos nos que debe matricularse o alumno, e o número de créditos mínimo que deben superarse para a admisión no grao finalmente elixido, entre outros.
De esquerda a dereita, Tomás Cuesta, José Díez de Castro, Roberto López, Celia Besteiro, Carmen Pomar e Montserrat Valcárcel, na EPS de Enxeñaría de Lugo