As posibilidades de negocio no sector agroalimentario centran as xornadas de emprendemento da Facultade de ADE en Lugo
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo desenvolveu o venres 9 unha xornada dirixida a estudantes, empresarios e emprendedores interesados en poñer en marcha iniciativas dentro do sector agroalimentario. Máis de 70 participantes (a maioría deles alumnos de ADE das facultades de Santiago e Lugo, e tamén da Escola Politécnica Superior do campus lucense) asistiron ao encontro. A profesora da USC Isabel Neira, coordinadora da xornada, destacou “a importancia que ten a organización de actividades conxuntas entre as dúas facultades de ADE da USC, de onde se poden extraer frutíferas sinerxías”, e indicou que unha das finalidades do encontro “é facerlles ver aos alumnos que os seus proxectos poden converterse en realidades exitosas e rendibles, sempre que a idea de partida estea arroupada por un bo equipo que a oriente e a asesore”. Para Luís Gago, decano da Facultade de ADE de Lugo, esta actividade “é unha mostra da forte aposta que a USC fai polo emprendemento, área na que foi pioneira no seu momento coa posta en marcha do programa Uniemprende e a creación das diferentes cátedras cuxa actividade se enmarca neste ámbito”. Gago incidiu tamén na importancia que ten a fixación dunha lexislación que favoreza o emprendemento, “sobre todo nestes tempos de dificultade económica”. A necesidade de integrar a cultura emprendedora dentro da formación universitaria foi outra das cuestións que a organización puxo sobre a mesa como elemento de debate durante a xornada. Luís García Santalla, presidente da Fundación CEL (Confederación de Empresarios de Lugo) salientou a importancia da organización deste tipo de encontros, “onde se dan cita dúas das nosas principais liñas de traballo, o emprendemento como motor económico e o sector agroalimentario como elemento clave na economía galega, sobre todo na provincia de Lugo”. A sesión de mañá incluíu unha conferencia a cargo do responsable de proxectos de BIC Galicia, Enrique Gómez, e dúas mesas redondas sobre casos de éxito en emprendemento no sector agroalimentario (varios deles postos en marcha por antigos alumnos da USC) e desenvolvemento do potencial emprendedor dos universitarios, respectivamente. A xornada completouse cun xantar de traballo e unha visita ao viveiro de empresas da Fundación CEL.